Arquivos para a categoría: Novidades editoriais

Manuel Guisande (texto) e Xosé Tomás (texto e ilustración)

Rodribico (serie, 5 vols.)

Baía Edicións, A Coruña, 2010, 6,68 € volume.

Aparecida no mercado hai uns meses, da man de Baía Edicións, podo achegarme agora a esta iniciativa que vén da man do tándem creativo constituído por Manuel Guisande e mais Xosé Tomás e non podo deixar de manifestar a miña satisfacción por atopar unha proposta para os primeiros lectores marcada pola sinxeleza expresiva, que non esquece un tratamento narrativo áxil e atractivo, onde non falta o peso da fantasía, xunto cunhas ilustracións acaídas para o proxecto.

M. Guisande e X. Tomás

A serie, constituída até o de agora por cinco publicacións centradas nese personaxe que responde ao nome de Rodribico, unha pega marza que vive nun castiñeiro, responde ao criterio de entregas conclusivas que se achegan a experiencias que este paxaro protagoniza, desde a aprendizaxe e primeiros pasos para voar, pasando polo coñecemento do mar e da noite, até unha visita ao circo ou á cidade. Se ben a concepción global do proxecto pode ser algo recorrente el salienta o coidado equilibrio entre a coidada e colorista ilustración e  o  texto abeirado  á temática da descuberta e o devezo por coñecer,  inserido nun tratamento próximo ao da  fábula -con aguias, vagalumes, bufos, coellos ou cangrexos poboando ese mundo tan singular-, tendo como resultado historias dotadas dun inequívoco ton optimista. Unha proposta moi interesante, abofé,  para os máis pequenos.

A ourensá Ediciones Linteo vén amosando un labor, desenvolto desde o ano 1998, caracterizado polo extremo coidado depositado tanto na escolla dos títulos a editar como no propio proceso de edición técnica, algo doadamente palpable no resultado final dos libros que se poñen en circulación. Ao fío desa liña editorial, que obedece á excelencia do produto e allea a outras continxencias,  centrada basicamente na narrativa, poesía ou mesmo no libro artístico nun sentido amplo, ofrece nas últimas datas dúas mostras das que quero dar conta aquí.

A primeira trátase dun álbum ilustrado, xénero no que a editorial non realiza xa a súa primeira incursión, titulado Tanneke, a princesa das bruxas de An Leysen, que chega en tradución de Manuel Ramos, asemade director da editorial. Unha proposta que xoga con elementos tradicionais do universo dos relatos infantís -princesas e bruxas- mais operando, en aparencia, unha inversión de valores e roles asignados. O relato,  editado requintadamente, incorpora un discurso narrativo sinxelo e conciso, acompañado por outra parte de expresivas e acaídas ilustracións que xogan tamén con debuxos de filiación infantil.

Manuscrito corrixido por JRJ para o seu libro

Ao tempo, non quero deixar de referirme a un rescate que a editora leva a cabo cun escritor de recoñecemento universal como foi Juan Ramón Jiménez. Linteo, a través dunha edición crítica, con introdución e notas de José A. Expósito ofrece Arte menor, un libro datado orixinalmente de 1909 e que sufriu algúns intentos de publicación que resultaron infructuosos. As composicións, moitas delas inéditas, de corte neopopularista, cheas de axilidade, frescura e sinxeleza expresiva, e abeiradas ao metro curto, supoñen reformular en parte a traxectoria do autor e, por outro lado, traendo a auga para o noso rego, encerra un número non desprezable de  técnicas e asuntos que moitos autores da nosa tradición literaria tamén empregaron, sobre todo algúns da denominada época das vangardas, léase sobre todo Amado Carballo  ou mesmo algúns poemas dos primeiros Acuña ou  Cunqueiro. Premendo aquí pódese visionar unha breve reportaxe sobre o libro.

 

Daba noticia nun anterior post dunha serie de libros que Toxosoutos puxo en circulación hai uns poucos días. Aos alí sinalados cómpre engadir tres volumes máis, cada un deles de diferente xénero.

En primeiro lugar, no ámbito do teatro, cun  documentado estudo previo de Antonio Rey Somoza, recupérase un texto, en edición anotada, de Xesús San Luís Romero, concretamente Foliada no rueiro, subtitulada como “paso cómico”. Un paso adiante, pois, na popularización deste autor de Carballo, sobre todo coñecido pola súa peza teatral O fidalgo (1918) e de quen hai algúns anos a libraría e editora compostelá Follas Novas editara un par de interesantes volumes que recuperaban obra inédita e pouco coñecida.

Ao tempo publícase un poemario de título complexo, Abstractonautas, que subscribe Luís Santiago Vilanova Piñeiro, no que penso que é a súa primeira achega poética publicada até o de agora e na que ofrece unha singular viaxe poética, de corte persoal e  condición heterodoxa.

Por último é David González Couso quen dá a coñecer,  con limiar de Claudio Rodríguez Fer, o volume O fío da escritura subtitulado  “A pegada cultural dos Gaite en Galicia” e que vén sendo o resultado da esculca demorada do investigador no campo da actividade cultural levada a cabo pola estirpe dos Gaite en Galicia ao longo do século XIX, acrecentando algunhas edicións facsímiles que así a testemuñan. Ocupareime deste volume nunha próxima anotación. 

A editorial noiesa enfoca esta nova tempada cun apreciable número de novidades das que cómpre dar noticia delas.  En primeiro lugar subliño as achegas que, dalgún xeito, son emblema e distintivo da editorial como simbolizan as publicacións na serie “Trivium” -de carácter histórico- e “Keltia” -que acolle xa un bo número de estudos do máis granado entre as investigacións qeu afondan no universo atlantista e céltico-  onde se dan a coñecer, respectivamente, os títulos A formación do Reino de Galiza (711-910) de Xosé Antonio López Teixeira e O vákner e o dragón, de María Aurora Lestón Mayo.

No ámbito divulgativo publícanse dúas novidades que están a medio camiño entre o ensaio de corte histórico, antropolóxico e doutros eidos do coñecemento como son Lembranzas do Courel, de Jesús Alfonso Parada Jato e mais A pesca da lamprea no río Tambre de Clodio González e mais Manuel Ces.

No que se refire á creación narrativa cómpre citar o volume Vixán, de José Martínez Mariño, ao que parece unha novela pragada de personaxes de corte lendario e, ademais, Nas profundas augas do esquecemento, a versión galega a cargo de Amelia Piñeiro dunha novela do profesor ourensán Sergio Vences Fernández anunciada cun suxestivo texto na contracuberta que recrea a intrahistoria desta proposta: presentada ao premio Nadal nos anos sesenta foi afervoadamente defendida por Carmen Laforet, quen lle comunicou ao autor a imposibilidade da súa publicación -suponse que pola censura-, sen deixar de aconsellarlle que non a rompese: “espere tempos mellores, que teñen que vir”; ao tempo tamén lle confesou que “tiña as miñas fillas nun colexio de monxas e en canto lin a súa novela, matriculeinas no Liceo Francés”.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.