A Asociación Galega de Editores, a través dunha inicial selección previa, e logo por un xurado composto por María Solar, Xosé A. Perozo, Charo Portela e Antón Pedreira, tiveron a ben outorgar o premio “Lois Tobío” á mellor tradución á novela 30 gramos, de Leonel Moura, publicada por Alvarellos Editora no seo dun fermoso acto que se desenvolveu onte na Deputación Provincial de Lugo. 

Da concesión deste galardón alégrome polo recoñecemento que supón ao extraordinario olfacto que demostrou  Quique Alvarellos para atopar esta peza literaria, que tamén resultou finalista no premio Ánxel Casal mellor libro de ficción,  e agradézolle desde aquí ao editor lugués outra vez a confianza depositada no meu traballo. Para min supón toda unha honra conseguir un premio que leva o nome de Lois Tobío. Grazas a todas e a todos e parabéns para quen resultaron galardoados.

Rosalía de Castro (texto) e Isabel Pintado (ilustracións)

Parece unha rosa

Espiral Maior, Lúa Lueira, nº 1, Curtis-Culleredo, 2010, 14 €

 

 

Emilio Pita (texto) e Isabel Pintado (ilustracións)

Cantiga do mazarico

Espiral Maior, Lúa Lueira nº 2, 25 pp., Curtis-Culleredo, 2010, 14 €

 

Estrea colección Espiral Maior dedicada aos lectores máis novos e faino, tras a afortunada edición dun poema ilustrado de Xosé María Álvarez Blázquez titulado “O año pitaño”, nun formato acaído para o obxectivo,  ofrecendo senllas pezas, poéticas por suposto, marcadas pola sinxeleza e mais por un intenso e optimista ritmo interno que, desde o punto de vista do acompañamento visual, veñen da man de Isabel Pintado, pintora madrileña residente en Galicia.

Mentres que a primeira delas, “Parece unha rosa”, achega a voz de Rosalía de Castro, reproducindo un coñecido poema de Cantares Gallegos modernizando o contexto a través das propias ilustracións, a segunda ofrece a voz de Emilio Pita, a través do seu rítmico e neopopularista poema “Cantiga do mazarico”. Ambos os dous textos, moi respectuosos coa lingua orixinal na que foron escritos,  constitúen unha feliz iniciativa que pretende, deste xeito, facilitar a difusión da  poesía galega entre os máis pequenos.

J. Luís Calvo e Carlos Gegúndez López

Lois Pereiro. O negro leite da aurora

Toxosoutos, Noia, 200 pp., 14 €

 

Vanse cumprindo as expectativas e as publicacións, que dalgún xeito provocou a decisión da Real Academia Galega ao dedicar este Día das Letras Galegas a Lois Pereiro, van sucedéndose a un ritmo case vertixinoso pois xa se suman tamén estes días reedicións da súa obra e algunhas biografías como a que presenta Marcos Calveiro.

Nesta ocasión ocúpame un traballo asinado por dous investigadores que, no seu caso particular, ofrecen un ensaio que é resultado dun vagaroso labor de investigación e interpretación, tamén dunha actitude de devoción e sedución confesadas pola obra do autor de Monforte.

Deste xeito, o libro ábrese cun limiar de X. Manuel Pereiro no que, a xeito de presentación, apunta algunhas das claves literarias de Lois Pereiro como son a asunción e selección de compañeiros de viaxe literaria entre a tradición europea, pasada e presente; a posición a contracorrente do seu propio tempo, o seu universalismo militante e a vinculación coas raíces. Asemade repara repara na fotografía que serve de cuberta do libro, da autoría de Xosé Abad, na que posa o autor, con esa chiscadela pop depositada nunha botella de refresco xunto cun libro de Peter Handke, e mais reclamando a atención ao versos de Paul Celan escollidos polo poeta para presidir o retrato: “Schwarze Milch der Früe” (“O negro leite da aurora”) e que serven para titular o presente ensaio.

O libro subtítulase, acertadamente, “viaxe á xeográfía lírica de Lois Pereiro” e nel José Luís Calvo e Carlos Gegúndez subscriben un estudo de carácter integral, documentado e cheo de rigor, que parte da convicción por parte dos autores da orixinalidade da escrita pereiriana. O obxectivo confesado é, baixo o enfoque da socioloxía da literatura, contribuír a desvelar con argumentos esa orixinalidade  e poder realizar, así, ademais dunha lectura emocional outra que sexa, se se quer, interpretativa.

No ensaio mestúrase a transmisión de experiencias lectoras, coa paixón sentida pola obra de Pereiro xunto con outros elementos máis propios da análise literaria e biográfica como é unha revisión de carácter vital, xeracional ou contextual do autor de Conversa ultramarina para ir salientando aqueles elementos clave do percorrido literario que representa: marxinalidade na que habitou, romanticismo poético,  liberdade creativa absoluta ou raigames universalistas entre outros, axudándose de numerosos comentarios textuais de composicións consideradas, por distintas razóns, como relevantes.

Ademais dunha útil cronobiografía e mais dunha bibliografía “de” e “sobre” Pereiro engádese unha crestomatía poética en honra ao autor homenaxeado que agrupa composicións de Marica Campo, Lino Braxe, Manuel Rivas ou Xulio Valcárcel entre outros. En definitiva, outra meritoria reivindicación do legado literario de Pereiro.

Lois Pereiro

 

Texto publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 6 de marzo de 2011 baixo o título de “Unha revisión integral”.

Fran Alonso

O meu gato é un poeta

Edicións Xerais de Galicia, 72 páxs., 12 €

 

 Estaba por chegar un libro de poesía para primeiros lectores que, sen desatender o aspecto lúdico, asumise unha concepción interartística e multimedia, e Fran Alonso foi quen de artellalo, seguindo o ronsel iniciado con Cidades e Poetízate, cos que contribuíu a desacralizar tanto a dinámica creativa da poesía como o que atinxe ao proceso da súa recepción. Velaquí unha sorte de libro-espectáculo, con versións musicais dalgúns poemas a cargo de Xurxo Souto e a opción de seguir xogando coa poesía nunha web interactiva creada ad hoc, onde o discurso creativo repousa nas palabras dese gato lírico e sorprendente, concibido cun orixinal deseño que se inspira en ferramentas tipográficas.

Fran Alonso

Baixo o título de “Un libro-espectáculo” publicouse nas páxinas de información cultural, sección “recomendacións”, de La Voz de Galicia, o 7 de marzo de 2011.

 

Para a entrega do Qué leer nº 163 realicei unha entrevista con Manuel Bragado por mor do seu nomeamento como presidente da Asociación Galega de Editores. Velaquí o resultado da conversa sobre distintos asuntos como as máis inmediatas perspectivas da AGE, os retos do noso sector editorial, arredor de Edicións Xerais de Galicia, Lois Pereiro ou o seu blogue, reproducidas aquí nunha versión en galego.

-Como presidente da Asociación Galega de Editores, cales son os seus retos máis inmediatos?
-Creo que a Asociación ten tres grandes achegas que realizar nun futuro inmediato: profesionalizar e modernizar un sector profesional que vive un proceso de cambio moi profundo do seu modelo de negocio, visibilizar a literatura galega fóra de Galicia consolidando a presenza dos nosos libros no mercado internacional e aumentar os índices de lectura no noso país, colaborando coas diversas administracións da cultura e a educación.

-Sintetícenos os problemas que afronta o sector en Galicia e as súas expectativas.
-O noso sector ten unha gran dependencia do que ocorre no mercado do libro educativo. A posta en marcha do proxecto “Abalar” da Consellaría de Educación supón un reto; sobre todo despois do retroceso que este curso supuxo para o noso sector a entrada en vigor do “Decreto de Plurilingüismo“. Tampouco somos alleos á crise do modelo de libraría cultural e ao perigo que supón unha uniformización escandalosa da oferta das mesas de novidades, que pon en serio perigo a edición de xéneros como a poesía, o ensaio e o teatro na nosa lingua. As políticas de recortes dos orzamentos destinados a bibliotecas públicas constitúen outra preocupación para un sector que viviu con gran frustración o fracaso sen paliativos do denominado “Ano da Lectura” promovido pola Consellaría de Cultura e Turismo coincidindo co ano Xacobeo.
 
-Dende unha dinámica empresa como Xerais, que estratexias serán claves para sortear esta crise?
-A nosa aposta reside en procurar combinar a excelencia do contido coa súa capacidade para conectar cun público de lectores que, ao mesmo tempo, pretendemos ampliar. Sempre procuramos editar e promocionar coa maior calidade e cariño.

 -Algún proxecto estrela en Xerais para estes próximos meses?
-Este curso aparecerán os nosos primeiros libros educativos en formato dixital e ampliaremos a nosa oferta literaria dixital aos clásicos da literatura galega. No primeiro semestre, tras case cinco anos de preparación, publicaremos un novo dicionario escolar. Este primeiro trimestre presentamos o novo deseño da colección “Crónica”, de títulos de non ficción, que pretendemos potenciar.

-Manifestou a súa satisfacción por este Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro, por que?
-Lois Pereiro é unha figura humana e literaria que representa o esforzo da xeración dos poetas dos 80 por desenvolver unha literatura galega que dialogase sen prexuízos de ningún tipo cos seus contemporáneos. Así, en Pereiro está presente a pegada da cultura punk, pero tamén a influencia da narrativa alemá e do cine francés. Creo que esta celebración enlazará con algunhas preocupacións dos nosos mozos.

-O seu blogue persoal -brétemas.blogaliza.org- é unha atalaia dende a que outear asuntos literarios, pero tamén políticos e sociais. Que balance pode facer desta experiencia na rede?
-O blog deume moitas alegrías e moitísimos novos amigos e amigas. En seis anos de traballo diario aprendín unha barbaridade, compartindo o meu hipertexto cos membros do blogomillo, un movemento de blogueiros en galego do que me sinto moi orgulloso en formar parte.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega fixo pública, recentemente, a listaxe de finalistas para diversas categorías. Nestas propostas figuro formando parte dun quinteto de candidatos, xunto con  Anxo Tarrío, Daniel Salgado, Iago Martínez e Fran P. Lorenzo, para a modalidade de mellor traxectoria en xornalismo cultural. Para min supón xa unha enorme satisfacción e todo un premio compartir a candidatura con todos eles.  Moitas grazas.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.