Arquivos para as entradas coa etiqueta: David González Couso

O fío da escritura. A pegada cultural dos Gaite en Galicia

David González Couso

Toxosoutos, colec. Ensaio, Noia, 2010, 276 páxs., 12 €

 

 

Carmen Martín Gaite manifestou en diversas ocasións a relevancia que para ela supuxo a descuberta de Galicia: unha paisaxe vital, familiar e íntima que espellou algunhas veces na súa obra literaria. Outra cousa era, ata o de agora, o coñecemento que se tiña da estirpe intelectual dos seus devanceiros galegos e da actividade cultural que despregaron aquí. Disto fala con tino González Couso, desvelando con rigor novos datos e, ademais, engadindo tres reproducións facsimilares que recuperan ensaios do século XIX sobre  diversos temas, todos eles  subscritos polos aqueles antepasados que afondaron, no seu tempo, en ramas do noso saber científico, histórico e literario. Ben está deixar constancia diso.

De esquerda a dereita: Luz Pozo, David G. Couso e Carmen Blanco

 

Recensión publicada na sección “recomendacións” de La Voz de Galicia, o 5 de febreiro de 2011. O libro está prologado por Claudio Rodríguez Fer.

Daba noticia nun anterior post dunha serie de libros que Toxosoutos puxo en circulación hai uns poucos días. Aos alí sinalados cómpre engadir tres volumes máis, cada un deles de diferente xénero.

En primeiro lugar, no ámbito do teatro, cun  documentado estudo previo de Antonio Rey Somoza, recupérase un texto, en edición anotada, de Xesús San Luís Romero, concretamente Foliada no rueiro, subtitulada como “paso cómico”. Un paso adiante, pois, na popularización deste autor de Carballo, sobre todo coñecido pola súa peza teatral O fidalgo (1918) e de quen hai algúns anos a libraría e editora compostelá Follas Novas editara un par de interesantes volumes que recuperaban obra inédita e pouco coñecida.

Ao tempo publícase un poemario de título complexo, Abstractonautas, que subscribe Luís Santiago Vilanova Piñeiro, no que penso que é a súa primeira achega poética publicada até o de agora e na que ofrece unha singular viaxe poética, de corte persoal e  condición heterodoxa.

Por último é David González Couso quen dá a coñecer,  con limiar de Claudio Rodríguez Fer, o volume O fío da escritura subtitulado  “A pegada cultural dos Gaite en Galicia” e que vén sendo o resultado da esculca demorada do investigador no campo da actividade cultural levada a cabo pola estirpe dos Gaite en Galicia ao longo do século XIX, acrecentando algunhas edicións facsímiles que así a testemuñan. Ocupareime deste volume nunha próxima anotación. 

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.