Xénero negro e thriller político

Asasinato no Consello Nacional
Diego Ameixeiras
Xerais, Vigo, 2010, 371 páxs.

En poucas ocasións un libro, como o que Diego Ameixeiras ofrece desde hai escasas semanas, suscitou tal interese. Non é o lugar para realizar unha análise dos factores, nalgúns casos extraliterarios, que provocan esta atención mediática tan pouco común, mais como proba velaí a súa primeira edición esgotada, superando as mellores previsións. Ao meu ver é unha satisfacción advertir como unha novela de xénero e polas causas que foren -entre elas non son menores nin o talento do seu autor nin a valentía que amosa ao internarse sen coiraza por vieiros moi singulares-, ocupe espazos que, abofé, tamén nos pertencen. Asasinato no Consello Nacional posibilita que os lectores que xa coñecen a Ameixeiras e os que gustan da súa narrativa gocen, talvez, da súa mellor proposta até o de agora; mais ao tempo conxecturo que outros lectores, aqueles que nunca se asomaron á obra do autor e que se cadra non son grandes afeccionados ao xénero, aborden a súa lectura desde a perspectiva, non sei se procelosa pero sempre lexítima, do inquisitivo e da curiosidade. O importante é ter sempre presente que aquilo que Ameixeiras conta non é nin máis, nin menos, que literatura, creación, ficción.

E o que van atopar é unha intriga ficcional que parte do asasinato dun deputado do BNG aos poucos días da caída do bipartito e o posterior debate sucesorio que no seo da organización frontista se deu. Neste contexto circúlase da man de Alberte Cudeiro, un singular e orientalista detective que, con altas doses de escepticismo, é quen de conducirnos por un espazo contemporáneo, radiografado con precisión, no percurso do cal se atopa personaxes de ficción, máis ben esteoreotipos, que non resulta difícil casalos con outros de carne e óso. Este é o foco de atención, o da intriga política, espellada por veces cun afán de verosimilitude case pasmoso, o que reclamará a atención e o comentario máis xeneralizado. Con todo, hai cando menos dous factores que poderían ficar un tanto escurecidos e infravalorados: un constituiríao a evolución do investigador ao longo da novela pois representa a exemplar antítese dun personaxe plano; o outro sería a sutura da trama principal con outra que afonda as súas raíces na guerra civil e nun asasinato impune. Deste xeito renóvanse con convicción ou, se se quere, vivifícanse as fronteiras do xénero ao engadir unha clave de filiación histórica.

Por último, encérranse aquí e acolá diálogos magníficos cheos de ironía e retranca e unha atinada sucesión, medida e hábil, de pequenos fragmentos sobre os que se alicerza aos poucos o avance da trama e a resolución do conflito…, neles aínda é posible atopar algunha sorpresa e xiros inesperados alimentando unha novela que, sen dúbida, hai que ler.

Publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 23 de outubro de 2010.