MIGUEL HERNÁNDEZ E OS SEUS "25 POEMAS ILUSTRADOS"

O día 30 do pasado mes celebrouse o centenario do nacemento de Miguel Hernández . Un día despois, esa providencia laica da que fala un amigo meu, fixo que recibira, da man doutro amigo, un agasallo polo que devecía había tempo e que, francamente, non rebaixou nin un chisco as expectativas que depositara nel. Trátase de Miguel Hernández. 25 poemas ilustrados, un requintado volume publicado por Kalandraka e que, se as informacións que manexo son certas, xa está practicamente esgotado. E non é de estrañar pois á beleza estética da edición únese unha escolla atinada de 25 representativos poemas  do autor de Orihuela que veñen da man de Antonio Rubio e Manuela Rodríguez, acompañados doutras tantas ilustracións que translocen a interpretación particular e o talento dun grupo excepcional de ilustradores entre os que se atopan as olladas dos galegos Baldo Ramos, Darío Basso, Marc Taeger, Óscar Villán, Pablo Otero, Ramón Trigo ou Xosé Cobas entre outros. Todos eles constrúen un diálogo intereartísico absolutamente deslumbrante cos versos de Miguel Hernández. Sen dúbida é un libro que emociona e que convida a ler, ou reler, o escritor universal. Velaquí unha mostra: