OUTRA OLLADA A MARUJA MALLO. UN ENSAIO DE CARLOS L. BERNÁRDEZ

Maruja Mallo. A pintura da nova muller  

Carlos L. Bernárdez

 Nigra Tea,  Vigo, 2010, 96 páxs

    Non é corrente atopar no mercado ensaios e interpretacións sobre cuestións de carácter artístico. Ás esixencias dunha edición que debe ser extraordinariamente coidada no aspecto estético á par da custosa reprodución de ilustracións e outros documentos, súmaselle o minoritario interese que este tipo de libros suscitan entre os lectores cando non debera de ser así. O presente volume –Maruja Mallo. A pintura da nova muller– constitúe unha rara avis no eido do ensaio en lingua galega pois é quen de nos guiar, con sutileza, pola biografía e a producción artística de Maruja Mallo, exhibindo unha linguaxe en absoluto críptica nin tampouco apta soamente para iniciados.

   A  operatividade do volume, non só para quen queira coñecer a vida e mais as claves artísticas de Maruja Mallo, senón tamén para desvelar as claves do universo cultural e estético no que a autora se moveu, quer nas súas relacións coa pintura galega, española ou universal do  século XX,  débese en boa parte, e nunca é doado empregar a palabra para falar de pintura, á concepción divulgadora e nunca exenta de rigor, de Carlos L. Bernárdez, investigador,  comisario de diversas exposicións e historiador da arte, quen reformula e amplía un artigo que vira a luz na revista Festa da Palabra Silenciada, fundamentándose, xa daquela, nun proceso de reflexión que sempre parte de realidades expositivas.

   O ensaio permite, así pois, que nos internemos, ordenadamente, tanto nos socalcos biográficos de Maruja Mallo, que poden iluminar en ocasións algúns aspectos da súa produción artística como, sobre todo, nas dimensións máis fulcrais e relevantes desta última, procedendo á disección dos seus elementos estéticos máis predominantes ou rechamantes. Ao tempo, non se esquece unha interpretación ao abeiro tanto dos posicionamentos ideolóxicos que a autora adoptou como do tempo histórico que lle tocou vivir e as influencias ás que foi permeable.    

 O presente estudo, por fin, posibilita visualizar a figura de Maruja Mallo, afonda nas constantes do imaxinario ideolóxico e estético que adoptou e, teño para min,  resulta operativo para marcar unha fronteira entre a imaxe proxectada da artista e o que foi a auténtica artista: unha muller decidida a construír un eu feminino nun tempo onde era moi difícil realizalo, facéndoo desde as instancias da “autonomía, a transposición de barreiras e a decidida loita pola igualdade de dereitos”. De aí tamén o atractivo deste traballo que se converte nun diálogo esclarecedor que percorre, recupera e actualiza un capítulo moi importante da arte galega do século XX.

Publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 30 de outubro de 2010.