ONDE NON TODO É COMO SEMELLA. ARREDOR DE “MENÚ DE ENGANOS”, DE M. NÚÑEZ SINGALA

Menú de enganos

Manuel Núñez Singala

Galaxia, Vigo, 2010, 116 páxs.

A presenza do humor e da ironía como elementos que nuclean a tonalidade dunha peza literaria non son tan habituais como deberan, e tampouco este é un camiño que percorran con frecuencia os nosos narradores.

Núñez Singala, ben ao contrario, abéirase a esta orientación na que se rastrexan, nos últimos tempos, felices intervencións de X.L. Martínez Pereiro, Gonzalo Navaza, Carlos Negro ou Alfonso A. Cáccamo entre outros. Ben é certo que esta non é unha opción en absoluto descoñecida por Singala pois na realidade xa sondara estes camiños na súa última peza teatral –Comedia bífida– que, alén da novela Mar de fondo, doutras pezas teatrais e de ensaios sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma galego entre o que destaca En galego, por que non?, constitúen a súa bibliografía en lingua galega.

Para procurar unha estrutura que acaese ao proxecto o autor optou por ordenar os relatos a xeito de menú –literario- onde, loxicamente, atopamos unha carta no que as propostas literarias se distribúen baixo os epígrafes “para picar”, “entrantes”, “primeiros”, “segundos” e “sobremesas”. Ao meu xuízo, aqueles agrupados nos dous primeiros e no derradeiro dos bloques, talvez consonte coa dimensión gastronómica que os define, enchen pouco, isto é, non cobren as expectativas iniciais do lector por non deixar de ser, nalgúns casos, máis que exposicións de sucedidos cun fondo máis ou menos anecdótico nos que prima de xeito tan evidente e palmario a intención crítica e ridiculizadora que, case sempre, resultan excesivamente previsibles.

Tanto nestes relatos aos que me refiro como naqueles que presentan un maior corpo e que constitúen o realmente central do libro, a presenza do engano, do paradoxo, do equívoco, da ironía, do humor e mais da retranca érguense como a marca de autor e, dese xeito, neste exercicio de inversión ou deformación da realidade nunca todo é como semella, articulándose así un espazo para a sorpresa. É aquí onde o traballo literario supera e domina tanto o anecdótico coma o que en aparencia podería ser entendido só como divertimento. Nestas pezas de maior alento o autor móvese con máis habelencia, exhibe unha prosa que discorre con axilidade, potencia sempre nela  a intención comunicativa co lector e manexa habilmente os xogos lingüísticos ou as mensaxes cifradas que conducen a finais inesperados. En moitos deles o “fatum”, saltaricando entre o universo das contradiccións humanas e tripando polos conceptos da traizón, o engano, os prexuízos, o desexo, a vinganza, a  hipocrisía ou a envexa, chega a reservar unha reacción final máis ou menos cruel.      

Outrosí, parécenme construídos con especial coidado aqueles que semellan afondar en experiencias, máis ou menos ficcionais, que rescatan capítulos cheos de inocencia do pasado, como ocorre en “O tobo” ou no titulado “A rapaza do bikini verde”, ao meu xuízo o mellor, onde se artella un excelente un xogo de espellos que serve para explorar asuntos como a identidade, a falsidade ou a amizade nun intento de reapropiarse vitalmente dun pasado que se proxecta no presente.

Un libro, así pois, que globalmente deita un resultado satisfactorio e que debería animar ao autor a perseverar nesta dirección.

Publicado no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, o 2 de outubro de 2010.