EN DEFENSA DO POLEIRO

Hai algunhas semanas presentouse na Coruña, logo de facelo en Celanova,  En defensa do Poleiro. Un libro de autoría colectiva que viu a luz  baixo o eficiente labor de coordinación e edición de Xoán Carlos Domínguez Alberte e na editorial Toxosoutos, do que estou ben orgulloso de participar cunha modesta achega. Nel xúntase un total de sesenta colaboracións que comparten un humus común: a preservación, como espazo de uso público, do mosteiro de Celanova. Hai  pouco tempo publiquei unha recensión sobre o mesmo do que extraio aquí dous fragmentos:

Estas colaboracións, inéditas na súa totalidade, responden a un criterio aberto e altruísta de participación e, polo tanto, o seu resultado é dispar tanto no se refire aos xéneros recollidos coma, loxicamente, ás promocións literarias que aquí se ven reflectidas, respondendo mesmo tamén á existencia de diversas sensibilidades literarias. Así o lector atopará desde poemas de corte máis reivindicativo e cívico, na súas diversas modalidades, e na liña deses aceirados textos que subscribiron os celanoveses Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, ata outros que amosan un espírito marcadamente contemporáneo. No eido da prosa tamén son desemellantes as colaboracións –relatos curtos, textos de corte memorialístico, auténticas parábolas literarias….- así como ocorre no ensaio, onde se acollen páxinas reflexivas de elevado interese para calquera lector. Nun ou noutro xénero non é difícil rastrexar aqueles que se suscitan ou alicerzan precisamente no asunto que lle dá título ao libro, e aqueloutros que, malia afastarse da motivación central que xustifica a publicación, perseguen avalar, aínda que sexa só coa súa presenza, os motivos que conduciron a entender a palabra escrita como posibilidade para cambiar as cousas.

Un libro singular porque concita un elevado número as voces de escritores e escritoras, que van de Marilar Aleixandre a Xesús Alonso Montero, de Xurxo Borrazás a Darío Xohán Cabana, de Ramón Caride Ogando a Francisco Castro, pasando por Francisco X. Fernández Naval, Bieito Iglesias, Xosé Neira Vilas, o poeta popular Lois Antón Pérez ata Baldo Ramos, Xosé Benito Reza, Cesáreo Sánchez Iglesias ou Xurxo Sierra… Todos eles, e outros moitos, acreditan na idea de que, talvez, un libro tamén pode axudar a modificar o rumbo dalgunhas cousas.