Onde houbo lume
Marica Campo
Biblos, Mandaio, 2010, 112 páxs.
A presenza de Marica Campo (O Incio, 1948) no noso campo literario, concretamente na súa vertente como narradora, é vagarosa, mesmo moi vagarosa para os que apreciamos as súas achegas. Deste xeito, ao chegar algunha nova proposta da súa man son dos que a recibe con expectación pois case seguro que nunca nos vai deixar indiferente. Alén da súa sólida obra teatral e poética, e das súas obras para un público máis novo, había certo tempo que non transitaba estes eidos da narrativa para adultos, nos que deixara xa boas mostras do seu quefacer tanto co seu saudoso Confusión e morte de María Balteira como con Memoria para Xoana, ambos os dous publicados hai xa algúns anos.
Chega agora, a través de Biblos, a novela Onde houbo lume, máis próxima talvez a iso que se coñece como nouvelle, e ben intensa e proveitosa pois Marica Campo, alén de seguir a tripar eses espazos do protagonismo feminino, segue tendo como bandeira a precisión e mais a contención expresiva, en absoluto reñida coa vizosidade léxica, moi presente igualmente nesta proposta. Velaí como en pouco máis de cen páxinas deseña os perfís e as aristas de once mulleres, se callar non todas elas produto da imaxinación da autora ou inspiradas en casos máis ou menos reais, aínda que iso careza de importancia porque ao cabo tratamos de ficción. Así pois, mercé a memoria de Rodrigo, un secretario xudicial de certa idade, flúen vivencias, lembranzas, conxecturas arredor dunha serie de vidas femininas, truncadas por moi diversas e ben posibles razóns como o de quedar solteiras para coidar ao irmán sacerdote ou chegar a convencerse de que a protagonista é meiga por ter os ollos claros…; biografías relatadas, en contrapunto, por medio da voz dunha xornalista, tamén inserida nunha época clave e atoldada da súa vida, mais responsable de levar a bo porto literario todas esas historias, coa crueza e veracidade que se precisan, desposuída sempre de sentimentalismos nos que sería doado caer.
A autora deita, xa que logo, unha ollada descriptiva ao rol que lle correspondeu a moitas mulleres vivir desde finais do XIX ata os anos oitenta do pasado século, sen deixar de realizar unha chiscadela efectiva á realidade da inmigración. Todo conxugado cunha tonalidade se se quere interviniente e activa, mesmo especialmente operativa para saber máis arredor da condición feminina galega e dos condicionantes, de carácter familiar ou social, que resultaron decisivos para determinar o futuro de moitas delas e que se traduciu na perda do dereito á propia vida, á anulación da vontade de seu. Unha novela, en fin, na que conviven altas doses de denuncia cunha altura literaria moi digna e máis que merecente de recoñecemento.
Publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 6 de novembro de 2010.