Francisco Castro
Galaxia, Vigo, 2010, 208 páxs.
Hai poucos meses deuse a coñecer este novo libro de Francisco Castro. Unha proposta, en teoría, dirixida para o lectorado xuvenil mais que, dou fe da afirmación, resulta ao tempo de elevado interese para todo tipo de lectores. Tras a exitosa incursión nestes mesmos eidos con esa peza chea de emoción que viu a luz baixo o título de Chamádeme Simbad, arestora sitúanos nunha cidade e nun tempo -a Venecia do século XIII, por certo retratada con extraordinaria plasticidade- das mans duns personaxes -entre os que salienta, loxicamente, o de Marco Polo- para introducirnos nunha historia que que se reinventa con fortuna todo un espazo literario.
Francisco Castro, con todo, non se afasta dos motivos que caracterizan as súas entregas até o de agora. No fondo, aquí non hai máis, nin menos, que unha nova historia de amor arredor da que se tece un tapiz no que non faltan as críticas ao poder establecido, a persistente confianza en valores da condición humana, a reflexión sobre a violencia, a procura teimuda da liberdade persoal e colectiva ou a fe depositada nas palabras, nas palabras que “levan lonxe”, tan lonxe como ao Teito do Mundo; palabras que son alimento para un corazón, o do protagonista tamén chamado Marco, e que somos un pouco todos.
O “segredo” ambivalente do libro -descubriraro quen o lea- alicérzase nunha documentación peneirada e á que se lle dá forma con contención, transparentada con oficio a través das vivencias deses personaxes solventes e sometidos, como non podía faltar e como é marca da casa, a esa perspectiva tan singular da voz narradora, ao recurso do relato dentro do relato ou ao xénero epistolar.
Esta peza narrativa permite, ademais, volver ao tempo dos relatos de historias fantásticas que se recibían cos ollos arregalados. Beizón por facelo con tanta transparencia e engado.