Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O “ADIANTE” DAS MOCEDADES GALEGUISTAS

Hai pouco tempo desde a Fundación Curros Enríquez solicitáronme un pequeno texto, con fins didácticos, no que explicase a importancia do achado do xornal Adiante, un singular xornal que se cría perdido e do que se conserva unha pegada visual en Celanova. Para quen lle interese aquí o reproduzo:

Algúns visitantes ocasionais da vila de San Rosendo nunca deixaron de amosar a súa estupefacción ao advertir unha poderosa “pintada”, de contido publicitario e político, situada á dereita da porta principal da igrexa do mosteiro, situada fronte por fronte á Praza Maior, unha das prazas máis fermosas de Galicia toda, dito sexa de paso. Malia iso, como é natural, aos habitantes de Celanova a pintada pertencía xa á esfera do cotián pois semellaba “que sempre estivera alí”. Coa lóxica aparencia un tanto esmorecida hoxe, pois ao que parece se trata talvez da máis antiga entre as conservadas deste tipo na península, anunciaba a cabeceira dunha publicación, nun exercicio de síntese que xa quixeran para si as axencias publicitarias que anos despois viñeron: “Adiante Semanario”.
A man que a elaborou mesmo dispuxo do vagar preciso para arremedar a curiosa e orixinal caligrafía que debería encabezar a primeira vogal que bautizaba a publicación, e apunto “debería” conscientemente pois pasado o tempo ben pouco  se coñecía desta cabeceira: a penas que fora unha plataforma xornalística de vida efémera, que se cadra vira tan só unha única e primeira entrega e que  se elaboraba mercé ao labor desenvolto polas activísimas e arrichadas “Mocedades Galeguistas” celanovesas dos tempos da República, que chegaran a contar con máis de noventa afiliados. Aquelas páxinas, e seguiamos no eido das conxecturas aproximativas da man de reputados especialistas, quizais se articulasen grazas a algúns dos  responsables políticos das “Mocedades”: Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo,

Celso Emilio Ferreiro

Remixio González Gándara…, que deberon axiña abandonar o proxecto para se centrar noutra publicación de semellante intención propagandística, esta si conservada, baixo o epígrafe de “Guieiro”. 
Desde aquela até hoxe a única referencia continua, perenne e silenciosa ao semanario constituíaa esa inmutable pintada que ningún dos rexedores da vila ourensá quixo tocar desde os anos trinta, constituíndo por esa razón un caso realmente único. Ademais, ningún dos nosos historiadores, nin dos nosos documentalistas, ningún especialista na prensa galega do século XX tampouco foi quen de dar cun exemplar que testemuñara a veracidade da súa existencia polo que esta viñera instalarse, desde hai un tempo para acó, nese ámbito das auténticas lendas (semi)urbanas. E así continuaba a memoria desta publicación dada por perdida até hai ben pouco, cando unha veciña de Celanova –Chon Fernández-   comunicou o achado dun orixinal da publicación nunha gabeta da súa casa. Con bo tino e acertada conduta Chon Fernández doou este precioso orixinal á Fundación Curros Enríquez, quen se responsabilizou de realizar unha edición facsimilar e exenta.
Ao meu ver, levar a cabo a iniciativa de divulgar este semanario di moito e ben da Fundación Curros Enríquez, pois estas páxinas encerran un gran tesouro que cómpre saber ver: é o espello dun tempo, o espello dunha vila activa, reivindicativa e en continuo progreso. Encaixando á perfección naquelas  publicacións de corte ideolóxico, galeguista e publicitario que viron a luz no tempo da República, o Adiante, cunha periodicidade que quería ser semanal, pretendía converterse nun voceiro das inquedanzas e das actividades das Mocidades Galeguistas celanovesas e, como ben se

Xosé Velo

advirte, revélase a situación política da época, principiando cunha sorte de “editorial” de Celso Emilio Ferreiro, ao que acompañan outras sinaturas extraordinariamente relevantes como as de Ramón Otero Pedrayo, Filgueir Valverde, Xosé Velo, Martínez Doval, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas, alén dalgúns outros artigos asinados baixo pseudónimo.  A publicación, que ademais perseguía o autofinanciamento, cede certo espazo para os anunciantes da época, o que constitúe un elemento de indubidable interese para a historia da vila e, mesmo, para a historia da nosa publicidade.
Ninguén pode xa ignorar que o Adiante Semanario existiu, que a pintada respondeu a un motivo publicístico, que tanto un coma a outra son parte, irrenunciable, do patrimonio cultural celanovés e galego.

Detalle da pintada Adiante no Mosteiro de Celanova

Advertisements

2 comentarios en “O “ADIANTE” DAS MOCEDADES GALEGUISTAS

  1. franplorenzo
    17 Novembro 2010

    É un grafiti conmovedor, e parece mentira que continúe aí, un testemuño de resistencia, inmutábel como a pedra que o acolle. Grazas a esta pintada do Adiante, por certo, chego a este blogue e bato cun crítico literario ao que admiro. Unha aperta e noraboa

  2. Ramón Nicolás
    17 Novembro 2010

    Grazas polo teu comentario. Lembro ben hai anos un xornalista que velaba as súas primeiras armas en Compostela e que hoxe subscribe textos cheos de enxeño, afouteza e agudeza, e que sigo con regularidade. Parabéns tamén polo teu blogue: unha ventá de aire fresco, sen dúbida.

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 10 Novembro 2010 por en Ensaio.

Páxinas

Categorías

Arquivo