NA SEGUNDA EDICIÓN DE "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS", DE MARCOS CALVEIRO

No mes de agosto deste ano publiquei unha recensión, baixo o título de “As cores e as fronteiras da vida” sobre este premio Lazarillo 2009 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia. Diante da segunda edición deste volume, o que é boa proba do éxito na súa recepción, permítome reproducila nesta bitácora.

 

Non hai moitas datas deixaba nestas páxinas as impresións suscitadas pola novela Settecento, de Marcos Calveiro. Volvo agora ao mesmo autor pois cadra no tempo de publicación estoutra proposta narrativa que, baixo o título de O pintor do sombreiro de malvas, acadou o premio Lazarillo na convocatoria do ano pasado, competindo con outros orixinais nas diversas linguas do estado.  Nunha e noutra novela avivecen certos lugares comúns na obra do autor,  máis singularmente o de emprazar unha trama argumental nun tempo histórico moi concreto e, xaora, extraordinariamente documentado. Neste caso é en Auvers, unha pequena vila próxima a París e no verán de 1890, onde coinciden, por desemellantes motivos, os dous protagonistas fundamentais: un mozo de dezaseis anos que é enviado á casa dun familiar a pasar uns días, período que logo se converterá nun tempo de duración incerta, e mais un pintor, un tanto peculiar e un pouco estrafalario, de barba desordenada e ataviado cun sombreiro de malvas,  coñecido co nome de Vincent. Entre os dous irase xerando un vincallo afectivo que se transformará nunha relación de amizade situada, por certo,  nun momento clave para os dous.

Calveiro é quen de captar a atención de quen se achegue ao texto, ao longo de trinta e seis breves capítulos, presentando unha trama que avanza en diversos sentidos e que, nun momento determinado, chega a converxer. É o adolescente quen, desde o seu propio punto de vista,  e nunha sorte de caderno de bitácora ou crónica que discorre case xornada a xornada, permite que se vaia avanzando na liña argumental, con sucedidos inusuais nunha vila provinciana e activados a través da presenza dos dous personaxes. Nesa fuxida cara adiante á que o rapaz se ve abocado a providencia, neste caso laica, fará que se cruce coa dun artista, Vincent, de intensa personalidade, arrebatado pola práctica do que considera a práctica artística: unha vivencia total que vai más alá do que en aparencia os ollos nos transmiten e que revela “unha verdade que ninguén enxerga”. Con todo, o pintor debe convivir cunha fogueira que arde no seu interior avivecida coas relacións familiares fracturadas, con amores non correspondidos, con problemas económicos e psicolóxicos, con certas adiccións, cunha filosofía de vida que os sectores máis tradicionais e convencionais non entenden nin permiten.

O rapaz, un impenitente lector por outra parte, xirando unha e outra vez arredor do seu novo amigo, consómese tamén por un lume que vai a máis e, logo dun período de certa aprendizaxe onde no fondo se somerxe a procurar as súas orixes e a interrogarse polo futuro, aprendendo a valorar tanto o que é a amizade co pintor como o amor que sente por Adeline. Nesta traxectoria atoparase coa incomprensión de parte da sociedade, dos poderes relixiosos e da súa propia familia ata que o golpe que lle infrinxe a morte, logo de vela fronte a fronte, obrigarao a escoller de vez entre o sedentarismo e a inequívoca limitación da súas posibilidades que lle ofrecería a súa vida en Auvers ou procurar outras arelas noutros horizontes.

Marcos Calveiro

A novela presenta un indubidable interese para o lector adulto –repárense, por só citar dous elementos, tanto nas coidadas e intensas descricións da natureza como na forza emocional das páxinas finais, alén dos grandes temas sobre os que implicitamente nos fai pensar: a relixión, a vida e a morte, a arte…- e, ademais, amosa certas dinámicas que a converten nunha prezada e interesante proposta para os lectores xuvenís. Asemade, non se deben esquecer as acertadas ilustracións da cuberta e de interiores, debidas á man de Ramón Trigo e inspiradas, como non, na obra de Van Gogh.