"DESERTO DIAMANTINO", DE XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS

Deserto diamantino

Xavier Rodríguez Baixeras

Centro PEN de Galicia-Caixanova, Santiago, 2010, 88 páxs.

Nun contexto como o actual, no que resulta palmaria e evidente a demora na cadencia de títulos poéticos novos no mercado, resulta toda unha regalía poder achegarse a un volume como este Deserto diamantino. Galardoado na VIII edición de Premio de Poesía Caixanova, que se responsabiliza de organizar e editar o Centro PEN de Galicia, supón ademais a reaparición da voz dun ourive literario como é Xavier Rodríguez Baixeras que, iso si, dera a coñecer hai pouco un interesante ensaio titulado Bos tempos para a lírica. A xeración de 1980 (Espiral Maior), no que analizaba xustamente a promoción poética á que el pertence e da que é, sen dúbida, un membro salientable.

O volume vén precedido dun limiar subscrito por Luciano Rodríguez, profesor da Universidade da Coruña, que deita unhas páxinas esclarecedoras tanto para internarse no percorrido literario de Baixeras até hoxe coma para situar as principais liñas de sentido deste libro que prologa.

Teño para min que Baixeras engade ao seu xa dilatado currículo poético un título un tanto singular na súa traxectoria. Tal e como sinala nunha nota previa o poemario agroma do contraste  ou da contraposición, na percepción do autor, entre a denominada Chapada Diamantina, rexión do estado brasileiro da Bahía na que os garimpeiros extraían diamantes, e o Sertão, espazo caracterizado polo seu despoboamento e o seu clima seco (talvez hoxe posto de novo de actualidade pola coñecida novela de Vargas Llosa La guerra del fin del mundo, mais tamén polo magnífico libro de Euclides da Cunha  titulado Os Sertões: campanha de Canudos). Da confrontación ou comparación, así pois, entre aqueles espazos, atmosferas e paisaxes tan cualitativamente desemellantes nace este Deserto diamantino, inequivocamente sometido á peneira dun discurso reflexivo de carácter persoal a través do que van enchéndose de contido as cinco seccións que o compoñen. Nelas, o “viaxeiro-poeta” percorre espazos que enche de luminosidade e emoción, sen descoidar a atención á saudade e á concepto de perda daquilo que xa se foi, asomándose así ao que a memoria ofrece dun universo que, indefectiblemente, non volverá. É neste xogo cando se rastrexa unha perspectiva alimentada pola desolación pois aqueles dous lugares que inspiran o poemario e o seu contraste resultan semellantes á  propia vida. Desde a perplexidade inicial cifrada nese “contemplando o tempo retorcéndose aos meus pés”, o poeta articula na presenza do mar un confidente de elevado significado simbólico para devorcarse, como se dixo, nos pozos da memoria, do ser e do presente.

Xavier Rodríguez Baixeras

Un exercicio, ao meu ver, de sincera introspección, cruzada por un xorne nostálxico para “se defender da marcha do tempo” como el mesmo indica e exposto, por certo, coa vizosidade lingüística que caracteriza ao autor e cunha máis que destacable perfección compositiva e formal. Un galano, sen dúbida, este vitalista e puído  Deserto diamantino.

 

 

 Publicado no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 13 de novembro de 2010.