AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: LECCIÓN DE DIGNIDADE

Téñome ocupado desde unha perspectiva crítica, como non podía ser doutro xeito, dos máis dos libros que Agustín Fernández Paz leva publicados desde hai algún tempo. O que penso da súa achega, fundamental en tantos sentidos, para a narrativa galega dos últimos anos, para que sigamos a ter lectores na lingua de noso, téñoo espallado aquí e acolá e non é o momento de reiteralo porque agora non cómpre falar diso senón de manifestar publicamente a miña admiración por ese xesto de renuncia que agroma nas herdades da dignidade, da fidelidade a uns principios e do amor a unha lingua, a nosa. Beizón, mestre, pola túa lección.