UN HOME IMPUNTUAL, DE PEPE CÁCCAMO E MANUEL PIZCUETA

Un home impuntual

Pepe Cáccamo (texto) e Manuel Pizcueta (ilustracións)

Galaxia, Vigo, 2010, s/p

Sigo con especial atención o traballo e mais a traxectoria de Xosé María Alvarez Cáccamo en todos os ámbitos creativos nos que se move: narrativo, ensaístico, crítico e poético fundamentalmente, ao que habería que engadir as súas diversas intervencións artísticas centradas na chamada arte povera, e outras. Con todo, non resulta menos interesante o labor que leva a cabo no ámbito da literatura infantil aínda que esta, como ocorre con Un home impuntual, non sexa singularmente un libro para primeiros lectores, que tamén o é, pois resulta evidente que se trata dunha proposta narrativa de interese para todo tipo de lectores.

O libro cifra o seu sentido nunha ben atinada frase que se recolle na contracuberta do libro: “A tiranía do tempo”, se se quer, a tiranía que impón o reloxo nun sentido máis amplo e na sociedade contemporánea. Velaquí unha asisada recreación sobre a historia dun home que nunca chegou a tempo a ningunha cita, ás ineludibles e ás eludibles, nin a ningún lugar, mesmo a ningún soño nin proxecto que antes ideara.  A dosificación do ritmo narrativo que vai in crescendo ata contaxiar a sensación de angustia; o esencialismo e a profundidade que o dominan ou  a adecuación expresiva son tamén méritos que adornan unha proposta  orixinal e convincentemente ilustrada por Manuel Pizcueta.