A FILLA DO LADRÓN DE BICICLETAS, DE TERESA GONZÁLEZ COSTA

A filla do ladrón de bibicletas

Teresa González Costa

Xerais, Vigo, 2010, 176 páxs.

Velaquí un novo premio Merlín que articula unha historia canónica de protagonismo infantil e que conta con todos os ingredientes que se agardan dun libro destas características. Nel, Teresa González Costa, coñecida por ser gañadora dos premios teatrais “Cunqueiro” e “Manuel María” con Sempre quixen bailar un tango e Pingueiras e tarteiras, e malia se tratar da súa primeira incursión neste xénero –cando menos a primeira publicada-, asume os condicionantes específicos do xénero e, sen dúbida, sabe conducirse por eles con indiscutible habilidade e solvencia.

A historia que recrea é sinxela: Serafina, filla dun ladrón de bicicletas un tanto enigmático, ten que vivir coa súa tía, dona Perfecta, unha ex soprano envaidecida e totalmente fóra de mundo, talvez un chisco prototípica e configurada de xeito natural como a antagonista da proposta; este é un personaxe fortemente marcado tanto polas pingas de crueldade e egoísmo que caracterizan o seu proceder como pola ridiculización que exhibe a través da súa propia conduta, xerando así situacións marcadas por certa comicidade para os lectores aos que esta proposta se dirixe. Ao seu carón cómpre referirse a Celerífera, nome da bicicleta que a nena considera como esencial no seu universo e á volta deles orbitan personaxes que axudan a deseñar a atmosfera como, entre outros, o vello Elías –un entrañable inventor e conselleiro da nena-, o seu amigo Milo e a panda de Martiño o Bravo, o tamén inevitable inimigo de Serafina.

Sen esquecer as acaídas doses de xinea aventureira, a vida da protagonista, que discorre baixo a premisa de manter aceso o soño vocacional de ser equilibrista sobre a súa bicicleta, descansa en boa parte no futuro de Celerífera, obxecto case máxico ao que talvez se lle podería tirar máis partido aínda que quebrase a verosimilitude da historia, que por outra parte xa cede un espazo significativo aos ámbitos do fantástico. Con todo, ao meu ver, talvez o maior interese da proposta repouse en amosar problemas de índole social que Serafina, dalgún xeito estigmatizada pola súa orixe, debe cargar ás súas costas, como son os infundios que a converten nunha meiga e nunha ladroa. As mentiras tendenciosas e unha inesperada vinganza chegan a desconcertala, de xeito que é palmaria a loita, coas súas escasas armas, que debe comezar contra a hipocrisía social.  A carón disto resulta tamén un acerto tanto o ritmo dinámico derivado de certo carácter parateatral da peza -non en van nalgunha pasaxe fálase de estar asistindo a unha representación dramática e a inspiración do libro parece agromar desde aí- como a presenza do universo circense, alén das referencias de corte literario e musical, mois abondosas na obra.

Un feliz comezo, así pois, para unha nova autora que comeza a transitar, con fortuna, polo xénero da literatura infantil.

 

 

Recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 20 de novembro de 2010.