GUÍA ILUSTRADA DA GALICIA INVISIBLE, DE ANTONIO REIGOSA E NOEMÍ LÓPEZ

Guía ilustrada da Galicia invisible

Antonio Reigosa (texto) e Noemí López (ilustracións)

Xerais, Vigo, 2010, 104 páxs.

Baixo o subtítulo de <<Cidades, vilas e lugares desaparecidos, illas misteriosas, covas impenetrables, personaxes etéreos, montes aparentes, pozos insondables…>> ve a luz este novo proxecto de Antonio Reigosa, acompañado de expresivas e vigorosas ilustracións a cargo de Noemí López.

Baixo a intención de amosar unha parte desa Galicia que non se ve Reigosa e López ofrecen, baixo a forma de álbum ilustrado, unha descrición visualmente atractiva e moi operativa para lectores de toda idade e condición para achegarse, dunha maneira asequible, a un capítulo relevante do noso imaxinario fantástico e facilitar, así, un percorrido por un universo cando menos “habitado pola memoria” e poboado  por seres humanos e animais que talvez o sexan só en aparencia;  seres que resultan operativos, asemade,  para conducirse polas pegadas que conservan de outrora predios e construcións moi variadas.

Antonio Reigosa
Noemí López

A estratexia ou a concepción do libro pola que se optou sen dúbida é inmellorable: a partir dun mapa de Galicia apúntanse un total de trinta e cinco lugares que son referenciais para desenvolver outros tantos relatos, porque no fondo o tratamento literario que se lle outorga é ese,  desposuídos de retórica e sometidos a un innegable proceso de estilización, que nos convidan a viaxar desde Antioquía á illa de San Barandán, de Lucerna ao Medulio, da cidade das tres doncelas transparentes a Cachiquimba onde saberemos dun apaixonante sucedido protagonizado por aqueles habitantes do  castro Furriolo nas terras de Celanova. Historias, protagonizadas, por meigas e mouras, por maldicións e beizóns que pairan en tantos espazos visitados por santos, con covas de tesouros, baleas fantásticas e escolas de demos en lugares insospeitados… Un libro para crer, definitivamente, de tan ben contado e ilustrado que está,  no que non se ve.