Roberto Innocenti (ilustracións) e J. Patrick Lewis (texto)
Kalandraka Portugal, Porto, 2010, 68 páxinas.
Coñecín, serodiamente, ao ilustrador Innocenti a través da magnífica versión galega d´As aventuras de Pinocho que editou Kalandraka hai algúns anos e, despois, a través doutros libros que caeron na miña man como o impactante e estarrecedor A historia de Erika, por exemplo. Ao descubrir o seu traballo entendín que este ilustrador posuía ese don extraordinario e pouco común de saber ver máis alá e interpretar textos narrativos a través dun filtro que beirea un brillante hiperrealismo, case de xinea fotográfica, e debedor dun traballo minucioso tanto no que se refire ao ámbito da documentación previa como ao da propia expresión artística que tantas veces semella o dun paciente e apaixonado ourive.
A traxectoria profesional de Innocenti bebe no autodidactismo e talvez resulta tamén influída por ámbitos próximos ao da ilustración como son o da publicidade ou o deseño. O seu percorrido artístico levouno a ilustrar textos de Eta Hoffmann, Charles Perrault, Oscar Wilde, Christophe Gallaz e Charles Dickens, entre outros, sendo galardoado coa Mazá de Ouro da Bienal de Ilustración de Bratislava, a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e, se cadra polo que é máis coñecido, co Premio Hans Christian Andersen 2008. Días pasados estivo en Barcelona ditando unhas conferencias e, o que resulta ilusionante, asegúrase a súa presenza en Galicia para o ano que vén.
O seu último libro, carente aínda de edición en galego e que coñezo na versión portuguesa, titúlase A casa (hai versión en castelán tamén) e é unha revisión, en boa parte histórica, do pasado europeo común plasmado nos avatares que sofre unha construción que asenta as súas raíces desde 1656 e que evoluciona, de mans dadas con acontecementos históricos máis ou menos próximos, até o noso tempo, outorgándolle unha especial atención as reviravoltas que o destino lle depara a esta casa e, loxicamente, aos seus moradores.
Sen dúbida, a interpretación artística é tan acabada como o texto narrativo, case me atrevería a definilo como lírico, marcado pola brevidade, polo esencialismo e pola priorización da comunicación, e que subscribe un autor tan relevante como Patrick Lewis, un dos autores infantís máis salientables dos EUA, con máis de sesenta álbums ilustrados publicados e premiado pola Asociación Americana de Bibliotecarios e mais pola Asociación de Escritores e Ilustradores.
Todo un luxo, este libro, como deixa ver esta excelente ilustración:
