BREVIARIO

No número 47 de Biblos. Clube de Lectores, correspondente a novembro-decembro de 2010 publico esta columna sobre os ensaios que teñen como núcleo temático a lingua galega e o seu futuro:

 

Para contrarrestar un corisco que non cesa de soprar, cuxa orixe está na mente de todos, o certo é que, alén dunha ampla resposta social,  produciuse unha intensa revitalización dun xénero como é o ensaístico, e máis concretamente aquel que ten que ver cos estudos sobre a historia, presente e perspectivas de futuro da nosa lingua… Esa parte da sociedade galega que abandeira a defensa do noso principal sinal de identidade veu, e vén, dando a coñecer un apreciable caudal reflexivo en forma de monográficos e colectáneas: propostas todas elas unidas por unha recorrente vontade explicativa, razoada e argumentada cientificamente, respecto dos despropósitos que supoñen as medidas coercitivas contra o idioma propio.   Talvez o que máis éxito acadou foi  55 mentiras sobre a lingua galega, coordinado polo profesor Xosé-Henrique Costas e publicado por Prolingua e Laiovento: un volume ao que lle cabe o timbre de gloria de ter sido presentado simultaneamente en máis de sesenta lugares de todo o mundo, constituíndo un evento sen precedentes, no que se desbaratan esas cincuenta e cinco afirmacións, prexuizosas e tópicas, sobre a lingua galega. Nunha liña semellante sitúanse abondosas colectáneas como as que coordinaron Pilar G. Negro, Goretti Sanmartín e Xosé M. Álvarez Cáccamo cos títulos Racismo lingüísticoLingua e futuro e Feijóo, o galego e nós, respectivamente.

A esta nómina aínda cumpriría engadir traballos individuais de prestixiosos sociolingüistas que, en solitario, contribuíron a que percibamos a dimensión verdadeira desas desatinadas decisións. Entre esta produción, alén do que veu da man das devanditas Pilar G. Negro e G. Sanmartín, non esquezo os traballos de Henrique Monteagudo, Núñez Singala, X.R. Freixeiro Mato ou Carlos Callón, entre outros. Só cómpre agradecer os seus traballos iluminadores.