Hai poucos días, a editorial dirixida por Miguel Anxo Fernán-Vello, deu a coñecer un monllo de novidades literarias das que cumprirá, cando menos dalgunhas, se ocupar con máis vagar en próximos días.

Sen dúbida, unha das máis destacadas, por vir da man dun ensaísta de probada solvencia -lembro un anterior traballo sobre Urbano Lugrís realmente extraordinario- é Lois Pereiro. Radiografía do abismo, de Antón Patiño, quen foi amigo persoal de Pereiro e que, ao que parece e coido non errar, subscribe unha análise lúcida dos elementos fundamentais da obra do autor do Día das Letras 2011 ofrecendo deste xeito unha excelente porta de entrada para adentrarnos no universo Pereiro.
Tamén no eido do ensaio, e na colección “O país das luces”, chega A Galicia heterodoxa: un conxunto de artigos e estudos a cargo de Carlos Pereira Martínez que se asoman a cuestións que, por pouco coñecidas, han ser de interese para moitos lectores como a presenza da francamasonería en Galicia, a teosofía, o rosacrucismo, o rotarismo, o libre pensamento…
No ámbito que máis e mellor caracteriza á editorial coruñesa, a poesía, cadran cinco propostas de autoría heteroxénea. Dúas delas resultaron galardoadas como son Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval, autor a quen particularmente admiro pola súa versatilidade xenérica e fondura expresiva, que gañou o X Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño e, por outra parte, unha proposta de Lucía Novas, quen conseguiu o XIII Premio de Poesía Johán Carballeira con Neve, presentando así o seu segundo poemario editado tras Epiderme de estío (2001).
Rivadulla Corcón, de quen me ocupaba hai uns días por mor da publicación de Camiño ao mar, retorna aos universos ateigados de evocacións mariñas e talvez cunha tonalidade máis intimista que nunca con Os papeis do vagabundo. Pola súa parte, o ourensán Edelmiro Vázquez Naval dá a coñecer As luces de noutrora, prologado con

tino por Víctor Campio e, para finalizar, a profesora e ensaísta Marga do Val ofrece un suxestivo A cidade sen roupa ao sol, o seu primeiro poemario publicado individualmente e que, tras unha lectura rápida, sospeito que será un dos grandes libros deste curso literario. Atrévome a extractar e compartir deste volume só uns versos finais do poema titulado “Autorretrato”:
Eu son de Vigo
como a máquina de coser Refrey.
Dou voltas polo mundo.
Son o meu propio vagón de equipaxe.
O meu barco
Nacín coa lúa crecente e non había blues
non nacín en London
Vigo fita os rañaceos de Nova York
non falo inglés
a patria é a lingua.
1 Comment
Os comentarios están pechados.