(POIS SI) QUE BONITO É PANAMÁ!, DE JANOSCH

Que bonito é Panamá!

Janosch

(tradución de Dolores Romay)

Kalandraka Editora, Pontevedra, 2010, 52 páxs.

Aqueles libros dirixidos para os primeiros lectores que, ademais, non ocultan senón que suxiren doadamente outro tipo de lecturas para os adultos atopan un modelo paradigmático neste Qué bonito é Panamá!, que se editou en galego con tradución de Dolores Romay e noutros idiomas peninsulares hai un par de meses.

Janosch, o seu autor, é o pseudónimo artístico de Horst Ecker (Hindenburg, Alemaña, 1931 -hoxe en día Zabrze, Polonia-) e a súa carreira como autor e ilustrador dos seus propios relatos para primeiros lectores comezou logo dun percorrido profesional moi diverso pero talvez sexa este que me ocupa o libro que o catapultou a un dos lugares cimeiros da literatura infantil contemporánea, labor que compaxina con outras pezas narrativas para adultos nas que reflicte polo xeral a súa dura infancia en Polonia.

Janosch

Que bonito é Panamá!, así pois, introdúcenos por un universo no que se volve unha ollada á fábula vehiculizada a través de dous protagonistas que son un pequeno tigre e un pequeno oso, que simbolizan, no medio dun marco idílico, un férrea relación de amizade sustentada no respecto á diferenza, onde non están ignoradas nin as arroutadas humorísticas nin, por suposto, o asunto central do libro que radica, ao meu ver, nesa peripecia que protagonizan, nesa viaxe que emprenden como novos Ulises, un tanto desorientados, ata descubriren que ese paraíso que procuran, ese Panamá devecido, radica onde eles están.

Por outro lado, o xogo da voz narrativa, talvez imperceptible para os primeiros lectores pero evidente para os adultos, na que esta se reproduce nun corpo menor que os diálogos, e que por veces cede o espazo a esoutra voz autorial tan rendible e cómplice que se inmisce aquí e acolá e que se representa no texto nunha cor máis esvaecida, son indiscutibles acertos aos que cómpre engadir a concepción estética alicerzada no uso de cores rechamantes e intensas con deseños sinxelos e doadamente visualizables.

Todo un acerto este auténtico clásico contemporáneo que, ademais, serviu como base para  unha representación teatral a cargo de Panemesianateatro inspirada no texto de Janosch, dirixida por Petra Hofman e con Mónica García e Tomás Lijó nos papeis protagonistas. Velaquí uns fragmentos:

 

E, por último, unha versión en inglés subtitulada en castelán:

2 Comments

  1. interesante..eu fai séculos que non teño tempo para nada pero quizais actualice Colixu con un pequeno artigo sobre este autor. Saúdos e apertas

Os comentarios están pechados.