NOVIDADES EN GALAXIA (I)

Como autenticamente sorprendente, en calidade e cualidade, cómpre adxectivar o desembarco literario da editorial Galaxia para esta campaña de Nadal. Por xéneros disporemos dun amplísimo abano de posibilidades que irán desde álbums ilustrados, ensaio, narrativa (incluíndo algúns dos premios máis prestixiosos como o Blanco-Amor, o Repsol e o García Barros), traducións, poesía, libros de lecer e divulgativos, teatro…

Paul Auster

Con intención informativa, que non valorativa polo de agora, ocúpome nesta primeira entrega unicamente de referenciar o que nos chega no eido das traducións, que se abre con dous pratos fortes: Sunset Park, de Paul Auster -ao que parece unha proposta menos experimentalista que outras anteriores- e A viúva preñada, de Martin Amis, ambos os dous en tradución de Eva Almazán. Pola súa parte, Carlos Acevedo subscribe as traducións de dous títulos de escritores italianos: Caos calmo, no que é a primeira novela de  Sandro Veronesi vertida ao galego e Emaús, de Alessandro Baricco, de quen deixo aquí o fermoso booktráiler da edición italiana do devandito título: