Novoneyra. Un cantor do Courel a Compostela.
Carmen Blanco
Toxosoutos, Noia, 2010, 210 páxinas.
Gran Lugo de nebra. Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999
Uxío Novoneyra
Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 2010, 140 páxinas.
Foi este, a todas luces e como non podía ser doutro xeito, un ano moi vizoso en novas reedicións de poemarios de Uxío Novoneyra e tamén de estudos sobre a súa obra e o seu percorrido biográfico. Esta abundancia viuse mesmo refrendada coa aparición de traballos que foron alén da data do 17 de maio.

Rescato, entre as derradeiras publicacións que viron a luz nestes últimos meses, dous volumes que cumpriría non deixar pasar desapercibidos. O primeiro é o estudo que subscribiu Carmen Blanco, que xa deixara probas hai algún tempo dos seus traballos a prol da divulgación da obra do autor d´Os Eidos, tanto nunha coedición deste último título como nun ensaio divulgativo publicado este mesmo ano n´A Nosa Terra. Pois ben, a editorial Toxosoutos deu a coñecer un ensaio da súa autoría no que vai recalando, en diversas singraduras, naqueles espazos que están presentes nos seus libros e que espellan xa non só a biografía particular do autor do Courel senón tamén as dimensións do seu espírito creativo e artístico. Así o sinala a profesora Blanco: “Tratei de trazar o entrelazo das súas rutas, arrodeos e desvíos. Seguino no trazo do labirinto das idas e voltas dos seus libros desde os seus lugares. Entrei no caos. Perdinme por momentos. Aquí queda trazado un eco do cantor do Courel a Compostela. Para perderse na poesía dos seus libros…”.
Por outro lado, con ilustracións de Xesús Blas Lourés, Tino Grandío e o propio Novoneyra, e acompañado dun lúcido e documentado estudo introdutorio de María Pilar García Negro, quen afonda na vinculación do autor coa cidade, alén de sistematizar algunhas das claves xerais da súa obra, Alvarellos Editora ofrece, na colección <<Rescate>> onde xa recuperou hai algúns meses o título Tempo de elexía, un fermoso libro que é unha fabulosa maneira, talvez, de lle pór o ramo a este ano de xusta exaltación novoneyriana: Gran Lugo de nebra. Un volume que inclúe un total de 51 textos nos que se enxalza a cidade de Lugo e dos que doce deles son inéditos: catro poemas e oito propostas en prosa que expresan a fonda relevancia que esa cidade supuxo para o autor. Unha magnífica oportunidade para volver os ollos, e non esquecer, a intensa presenza de Novoneyra neste ano, que desexo duradoira e que resultou, probablemente, exemplar. Permítome, para finalizar, deixar aquí só catro versos inéditos neste libro recuperados:
Ás veces canta o Norde
unha pasión de lonxes
i as murallas pechando un gran Lugo de nebra
pechando abertas (…)