CONTOS PARA NENOS QUE DORMEN DESEGUIDA, DE PINTO & CHINTO

Contos para nenos que dormen deseguida

Pinto & Chinto

Kalandraka, Pontevedra, 2010, 64 páxinas.

Hai un par de meses que esperaba a oportunidade de escribir algunhas liñas sobre este magnífico libro e, logo da presenza dos seus autores no pasado culturgal, creo que esta é a ocasión. O tándem Pinto & Chinto chega a esta entrega nun especial momento de graza, e non é un uso irónico da palabra, pois a ensamblaxe ou a fusión entre ilustracións -tan asombrosas e rechamantes para un neno coma para un adulto- e relatos coido que deita uns resultados magníficos.

Pinto & Chinto

E no que respecta ao segundo, que é no que podo entender máis, resulta salientable ao meu ver tanto o esforzo de síntese e de brevidade -de ausencia de adxectivos se se me permite- como a  presenza do humor: un elemento recorrente que zumega as máis das páxinas que encerran vinte e oito relatos. Un humor que desemboca as máis das ocasións nun sorriso e ao que se chega aplicando un filtro irónico mediante o que se revisan, outorgándolle outra visión imaxinativa que beirea por veces o surrealista, personaxes ou lendas do imaxinario dos relatos infantís: os piratas, o pozo dos desexos, o home do saco, as bruxas, os xigantes, os monstros…, mais tamén outros elementos que, de súpeto, se humanizan e que, desde a complicidade, aceptamos xa non sei se como posibles pero que se cadra ben poden ser como eses ríos que procuran un destino, esas montañas que teñen algún problema ou eses soños dun volcán durmido… Estas, e outras situacións, mesmo as máis cotiás, poden ter unha resolución inesperada e ocorrente, fuxindo de arquetipos e guiadas por unha lóxica sempre imaxinativa e nalgún casos esmagadora.

Teño para min que este libro é para nenos, abofé, mais tamén para maiores que non  serán quen de durmir deseguida pois os relatos veñen enguedellados como rabos de cereixa e é difícil deterse nun. Non estaría de máis que os autores fosen ideando outra entrega pois acredito que a boa literatura, e ben ilustrada, é benvida sempre, e se ten como eixe o humor e a brevidade moito mellor.

Velaquí unha breve mostra do espírito do libro: