LUZ DE TEBRA, DE ÁNXEL VÁZQUEZ DE LA CRUZ

Luz de tebra

Ánxel Vázquez de la Cruz

Xerais, Vigo, 2010, 128 páxinas.

Lin este pasado verán,  animado polas palabras entusiastas dun amigo, Luz de tebra. Un libro que significaba a primeira incursión literaria do doutor Ánxel Vázquez de la Cruz e que aparecía apadriñado, se se pode dicir de tal xeito, por unhas luminosas palabras de Manuel Rivas e Eduardo Galeano. Por razóns que non veñen ao caso non puiden, até agora, dar conta das impresións que me produciu este magnífico libro. A estas alturas, a maior parte da crítica galega xa ofreceu o seu veredicto, igualmente entusiasta, algo que tamén se viu refrendado pola aparición, en apenas uns meses, dunha segunda edición deste título.

Non me resulta doado nin sequera sintetizar as claves deste libro pois o máis do que apunte é probable que xa soe a déjà vu; malia todo non me resisto a subliñar soamente dous factores como son as técnicas construtivas que alicerzan o libro e a xinea dos asuntos tratados que, talvez, poidan apontoar o seu evidente éxito de lectores e crítica que non sempre, por certo, van da mesma man.

Vázquez de la Cruz, así pois, manexa e domina os elementos esenciais que se poden aproveitar da narrativa de tradición oral, sabe transvasalos na súa xusta medida ao relato literario  e, ao literaturizalos, imprímelles unha tonalidade que provoca, dalgún xeito, que esteamos lendo, e presenciando, as luzadas dun efectivo e práctico narrador oral, que disecciona cun afiado escalpelo a sociedade do seu tempo, que deseña con perfección as atmosferas e os personaxes  coa palabra, que sabe recorrer á ironía, ás precisas doses humorísticas, que salta do fantástico e se cadra fabuloso ao verosímil, que tripa os eidos da melancolía e os territorios da tenrura cando cómpre, captando moi axiña a empatía do lector, cousa que non sempre é doada.

Os asuntos recreados, por outro lado, pertencen a esa esfera do “memorialístico”, que en moitas ocasións sobarda o privado e se proxecta ao colectivo e  que resultan operativos para retroalimentar, deseguido e con sensibilidade, todo ese universo que vai construíndo coa memoria e cunha fina sensibilidade desde a cidade da infancia, esa metáfora dos anos da posguerra implícita no título, pasando polos extraordinarios relatos no que se deseña un Vigo que xa foi a través dos ollos dun médico de garda do Hospital Municipal, até os que recalan e dalgún xeito protagoniza, por último, a cidade da Coruña.

Luz de Tebra está creado cunha pulsión admirable que, ademais, converte ao seu autor nunha parte moi substantiva do adn literario galego contemporáneo.