NEVE, DE LUCÍA NOVAS

Neve

Lucía Novas

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 86 páxinas.

Este vindeiro venres presentarase Neve en Bueu. No acto acudirán a autora, Lucía Novas, e mais de Helena de Carlos, membro que foi do xurado, xunto con Rosa Enríquez e Mario Regueira, responsables de galardoaren o devandito poemario na décimo terceira edición do premio de poesía  Johán Carballeira, organizado polo propio Concello de Bueu.

A traxectoria literaria de Lucía Novas (Bueu, 1979), profesora de lingua e literatura galegas na actualidade, logo de gañar diversos premios literarios entre os que se encontra o Premio Universidade de Vigo de poesía e o Faustino Rey Romero, comezou pola publicación do seu primeiro libro, Epiderme de estío, no ano 2001, co que acadara o Premio  Concello de Carral.  

Neve, ao meu ver, chama a atención pola recorrente utilización dos recursos da acumulación e práctica ausencia de verbos polo que viaxar polas súas páxinas implica entrar nun universo de sensacións, sustentadas na suxestión que producen as imaxes espidas, de interpretación libérrima por parte do lector: palabras revestidas sempre dun significado impresivo. O tempo fica estantío, inmóbil, mais sábese que é inverno e ese universo posúe unha dimensión moi concreta que é a da devastación, a do abatemento, se se quere a da destrución ou a morte a através de sete bloques principais, posuídos de certa cadencia narrativa e pausados por outros segmentos como o que serve de limiar; neste xa expresa a querenza por verso curto, rotundo, suxestivo, con certo arrecendo a haikú, que nos sitúa na esencia do poemario e que se reitera noutras sección como a titulada “A viaxe”, conxugado con outras seccións no que o relato esixe outro ritmo máis narrativo.

Lucía Novas

Acumúlanse, así, estampas, sentimentos, pequenas luzadas que evidencian a desolación que serpea por evocacións ateigadas de simbólicos xardíns abandonados, ruínas nos que se procura a beleza imaxinística e plástica dun inverno que enleva a razón e o sentir desa alquimista que é a poeta, mais que tamén é quen de sandar balsamicamente unha ferida; ferida que chega da man do simbólico cazador que leva da man a dor, a devastación do corpo, esa ferida vermella simbólica que se opón á brancura acougante da neve. Todo isto vehiculizado a través do emprego dun léxico vívido, sensorial, por veces exhuberante, estreitamente vinculado coa natureza, para describir os espazos exteriores nos que pousa a neve mais tamén desde os interiores que permiten esoutra perspectiva descritiva.

Un poemario, en fin, que testemuña un avance moi prometedor nunha autora que se afianza neste camiño da expresión poética contemporánea.