NOVIDADES EN GALAXIA (II): O SOLDADIÑO DE CHUMBO, DE H. C. ANDERSEN E OLA, OLA, LA, DE MAMÁ CABRA

O soldadiño de chumbo

H.C. Andersen (adaptación de Xavier Senín)

Galaxia, colec. Árborecinema, Vigo, 2010, 30 páxinas.

 

 

Ola, ola, la

Mamá Cabra (relato de Gloria Sánchez e ilustracións de Kristina Sabaite)

Galaxia, colec. Sonárbore, Vigo, 2010, 28 páxinas.

Alén doutra proposta, realmente inusual e moi atractiva, que se publica baixo o título de Abrapalabra e da que me ocuparei máis adiante, Galaxia ofrece para estas datas senllas iniciativas novidosas que se converten, por dereito propio, en posibilidades moi atractivas para os máis pequenos.

A primeira, incorporando no seu contido a curtametraxe do mesmo nome producida por Continental Animación e Algarabía, dirixida por Virginia Curiá e Tomás Conde e galardoada en numerosas certames cinematográficos internacionais,  recrea o texto clásico de Andersen en formato de álbum ilustrado, realizando un orixinal trasvasamento que agora percorre o sentido contrario dos máis destes proxectos, isto é, do cinema até o papel, a través dunha versión que da que responsabiliza con moito tino Xavier Senín.

Abofé que existen outras versións do clásico infantil e a presente, en esencia, segue a ser esa historia perdurable que mestura amor e solidariedade, mais as chiscadelas que se ofrecen ao lector galego –adulto ou non-, inspiradas na curtametraxe, son as que na realidade nola fan máis próxima e entrañable. As licenzas de adaptación que se encerran nesta versión como a presenza da vella das castañas e o seu saber popular expresado en acaídas solucións fraseolóxicas, o personaxe que se agocha tras o cigarrón ou o escenario que representa Museo do Xoguete alaricano resultan, ao meu xuízo, claros acertos, espellados loxicamente nas ilustracións desta publicación.

Por último, referirse ao  grupo de animación musical infantil Mamá Cabra, e ao excelente traballo que desde hai anos vén facendo por popularizar a música en galego nos cativos  é ben coñecido por todos. Neste sentido, Ola, ola, la!, o seu sétimo traballo publicado, é un proxecto novidoso que incorpora, por un lado, as melodías do grupo musical coa axuda dun orixinal  DVD-Karaoke e, ao tempo, inclúe un cd coas cancións desta entrega, cuxas letras alimentan as páxinas dun libro que aínda se enriquece ao cruzarse cun fermoso conto pragado de fantasía e bo humor que subscribe Gloria Sánchez e  que ilustra Kristina Sabaite.