Doce, de Mon G. Buhigas

Doce

Mon G. Buhigas

Follas Novas, Santiago de Compostela, 2010, 82 páxinas.

Atreverse, hoxe en día, cun poemario de temática amorosa e de feitura simbólica máis ou menos clásica vén sendo algo a contracorrente. Nestas coordinadas, quen o subscriba, non  deixa de correr os seus riscos, cando menos no que se refire ás sospeitas ecoicas que sobre el poden recaer porque xa se sabe que “nihil novum sub sole”.  Con todo, Mon G. Buhigas, escritor e profesor radicado en Compostela,  porfía en adentrarse nestes terreos poéticos no que constitúe o seu segundo poemario tras Poemas para Emilia (2003), que vira a luz no mesmo selo editorial que o presente.

O autor manifesta aquí a súa vontade de incardinarse na estirpe da poesía galega amatoria onde non é difícil atopar moitas pegadas de lecturas que van de Cunqueiro, pasando por Celso Emilio até Ferrín; mais as súas creacións son tamen permeables a outras influencias que van desde as explícitas de Eugénio de Andrade ata as tiradas do universo musical onde son perceptibles os ecos das cancións da Motown, U2  ou Marvin Gaye.

O poemario inscríbese, como sinalei, nunha estética a contracorrente, o que de seu non é nin malo nin bo, se se permite a simplificación. Con todo, certa xinea de raíz romántica que se transloce nalgúns poemas talvez, e é só unha opinión, explique certo lastre reflectido no topicismo dalgunhas imaxes. Malia iso, cando o autor se adentra no ámbito do visionario consegue, ao meu ver, os resultados máis felices e desde aí enxergamos como, a través das abondosas  interpelacións e apelacións que o amor suscita, se devala cara a “un territorio de auga e luz”, no que a voz lírica asume un papel case trobadoresco de plena submisión respecto da amada, a quen se achega construíndo tanto unha erótica do corpo como unha visión máis interiorizada, ambas as dúas operativas para describir un percorrido no que esa visión do amor total e paixonal resulta unha constante.

Mon G. Buhigas

Un poemario que cómpre saudar, non podía ser doutro xeito, porque testemuña a aposta afouta e con conviccións dun autor por unha liña estética singular que, como o prologuista Luís A. Girgado apunta, vén sendo unha “contribución a este eterno tema do amor que, como deixou escrito Dante: muove il sole e l´altre stelle”.