Supoño que cumpriría que escribise aquí sobre a biografía intelectual de Marcos Valcárcel. Teño datos ao meu carón, teño todos os seus libros enriba da mesa, mais esa información fría e aséptica, talvez necesaria, non diría gran cousa de Marcos fóra da súa enorme capacidade de traballo, que a tiña, e fóra da súa intensa implicación e compromiso na reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua. Non quero facer iso porque o lado humano, malia todo, probablemente pese máis outra vez. Prefiro escribir sobre o Marcos que tratei e que representaba a tolerancia, o diálogo e a xenerosidade.
Non lembro ben cando coñecín a Marcos, aínda que sabía del polos seus artigos na prensa e por ter na miña biblioteca un libro seu –A prensa en Ourense e a súa provincia– que hoxe sería impensable que realizase unha única persoa. Probablemente foi nos primeiros anos dos noventa cando o feito de sermos galegos do sur, el de Ourense, eu de Vigo, fixo que compartiramos, cun amigo máis, un vehículo ata Lisboa para impartir unhas conferencias. Desde aquela os encontros, xestados na devoción polos libros e autores de noso foron certamente recorrentes pois durante un tempo andei a remexer papeis vellos de autores ourensáns ou non pero que estaban depositados en diversos arquivos da cidade de Ourense, a súa Auria. Antes de mergullarme neles cumpría unha chamada previa a Marcos Valcárcel para orientarme sobre a localización exacta duns fondos, sobre os horarios das hemerotecas, sobre as persoas a quen acudir e non era estraño que compartiramos algunhas veces algún café nas terrazas do casco vello ourensán pois tanto a súa memoria coma o seu arquivo persoal era quen de evitarme ducias de horas de procuras, as máis das veces infrutuosas. Así era Marcos, unha das persoas máis eruditas sobre a bibliografía galeguista ourensá e galega que coñecín, mais tamén un modelo de magnanimidade pois lembro petar na súa porta en moitas máis ocasións das que el petou na miña.
Pouco antes de declarárselle a doenza que segou a súa vida convidoume a impartir unha conferencia sobre Celso Emilio Ferreiro no Liceo de Ourense, a súa outra casa. El era o encargado da presentación mais non acudiu ao acto. Ao día seguinte, telefonicamente, non encontraba explicación ao que lle ocorrera e confesoume que algo estraño lle acontecía pois nunca esquecera un compromiso cultural. O que veu despois xa se sabe.
A memoria de Marcos en min, nos seus, nese grupo de amigos que organizaron unha imborrable homenaxe hai agora dous anos, naqueles que o tratamos, permanecerá, como din os irmáns portugueses, para todo o sempre.
TRES LIBROS DE MARCOS VALCÁRCEL:
ERUDICIÓN E VONTADE DIDÁCTICA
A prensa en Ourense e a súa provincia
Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 1987, 320 páxinas.
No ronsel de estudos sobre as cabeceiras xornalísticas galegas que principiara Soto y Freire e que seguira Eugenio Carré Aldao entre outros, Marcos Valcárcel presentou aquí un monumental traballo, de carácter auroral no seu ámbito, no que catalogou, describiu e analizou os medios de comunicación escritos en Ourense ao longo da súa historia.
O historiador deu a coñecer, neste que foi o seu primeiro traballo publicado, unha investigación de carácter empírico que supuxo unha innegable recuperación do patrimonio hemerográfico propio e que serviu para a elaboración doutros catálogos posteriores e de exhumacións textuais que beberon nun ensaio que aínda hoxe se antolla como esencial.
Pé das Burgas. Estudos de historia, literatura e xornalismo
Caixa Galicia. Obra Social, Ourense, 1988, 340 páxinas.
Continuación de A cidade da Xeración Nós (1995), este volume, con limiar de Bieito Iglesias, supuxo a segunda compilación de numerosos traballos de carácter histórico, literario e xornalístico sobre o universo ourensán, homenaxeando explicitamente desde o título ao escritor Francisco Álvarez de Nóvoa.
Un total de vinte e cinco estudos que tiñan a súa orixe en conferencias, relatorios ou artigos de carácter máis breve que viron a luz en diversas cabeceiras e nos que pairaba a intención de servir de guía para estudos ulteriores da historia sociocultural de Ourense. Unha actividade publicística, por certo, na que seguiu afondando con teimosía e que cumpriría comezar a compilar.
Edicións Xerais, Vigo, 2008, 76 páxinas.
Fiel ao lar auriense este foi o seu último libro publicado, na casa editorial na que tamén deixou completos e exhastivos estudos biográficos e literarios arredor de Xoaquín Lorenzo ou Eladio Rodríguez. Nesta proposta, presentada o día da homenaxe que se lle rendeu na súa cidade, conciliou a rigorosidade histórica con outras frontes analíticas para abrir novas portas interpretativas do presente da súa cidade. Un libro cruzado por moi distintos saberes e por unha erudición contida a través dunha inexcusable vontade didáctica e divulgadora, exposta nese preciso punto medio que fai atractiva e áxil a súa lectura.
Artigo publicado o 11 de novembro de 2010 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia.