Judith Kerr (tradución Xosé Manuel González)
Kalandraka, Pontevedra, 2010, 32 páxinas.
Coñecía á escritora alemá de orixe xudea Judith Kerr pola edición en castelán de Cando Hitler roubou o coello rosa que Alfaguara traducira ao galego en 1990. Interesoume moito daquela esta autora que sufriu na súa persoa os avatares derivados da chegada do réxime nazi ao seu país e que recreou en diversas propostas autobiográficas. Neste sentido, foi toda unha sorpresa ver editado en lingua galega O tigre que veu tomar o té, un auténtico clásico da literatura infantil que, ao meu xuízo, pasados bastantes anos da súa edición orixinal en 1968, non perdeu un ápice o seu interese. Esta perdurabilidade talvez sexa motivada pola concepción imaxinativa do relato onde a humanización inesperada dun animal, tan atractivo para os primeiros lectores como é o tigre, se converte no elemento fulcral da narración, sen deixar de aproveitar certos tintes de filiación un tanto surrealista que resultan imaxinativamente moi rendibles.

Nesta liña que explica o seu éxito tampouco cumpriría esquecer a súa meditada estrutura dialogada e recorrente, con abondosas inclusións enumerativas e, mesmo, esas ilustracións orixinais que se manteñen co bo tino nesta edición e que dotan ao volume dun arrecendo saudoso marcado polo figurativo e pola sinxeleza no trazo.
Existe no facebook de fala inglesa unha páxina con milleiros seguidores deste título, cousa que non me estraña. Velaquí unha mostra visual do espírito deste recomendable volume: