Algo máis que un café. O Derby de Vigo (1921-1968), de Albino Mallo

Algo máis que un café. O Derby de Vigo (1921-1968)

Albino Mallo

Galaxia, Vigo, 2010, 232 páxinas.

Se as cidades tamén se poden coñecer a través das xentes que as poboan, ou poboaron, non resultaría menos rendible facelo a través dos espazos de servizo público que, onte coma hoxe, constitúen de seu parte da historia viva como son as cafetarías, lugares propicios para as confidencias, os faladoiros e para o bulicio, mais tamén espello da sociedade que os acolle.

É unha sorte, así pois, contar coa memoria do xornalista Albino Mallo,  fillo do propietario do xa desaparecido Café-Bar Derby, un lugar que posuía como marca distintiva un inconfundible arrecendo británico espellado na decoración e dotado, alén dunha ampla terraza no centro da cidade, dun xardín interior e amplos salóns con espazos destinados a concertos musicais. Ninguén mellor para se mergullar na historia do local exhibindo as armas da súa propia memoria –non en van afirma que “o bar era unha prolongación da casa”- e mais a daqueles persoeiros e xente do común que gardaban e gardan algunha lembranza do local, a carón do emprego dun bo número de fontes hemerográficas e bibliográficas consultadas. Neste sentido o volume é tamén, nunha parte nada desprezable, un pequeno libro de memorias do autor pois a súa propia biografía e a dos seus xirou arredor do Derby, polo que esas intervencións narrativas, de corte máis particular e privativo, van ganduxándose coa historia do propio local, desde as súas orixes –cifradas no periplo migratorio do seu propio pai-, pasando tanto pola súa posta en marcha nun enclave extraordinario da cidade de Vigo na hoxe denominada praza de Urzaiz, como polas vicisitudes que viviu nos tempos da República, ao longo da guerra e na posguerra ata o ano 1968, cando pechou as súas portas para que dous anos despois desparecese fisicamente e se borrase calquera vestixio material pero non o sentimental pois diso hai, e moito, neste libro, ao ir percorrendo a historia do lugar que se converteu, por dereito propio e durante décadas, en insoslaiable punto de encontro de artistas e profesionais de diversas actividades, pertencentes á vida local viguesa pero tamén ao galeguismo e á cultura galega.

Así pois, do cruzamento da vida do local, a do autor do libro e do seu pai e fundador do local xorde este rescate que ao tempo resulta operativo para retratar outros lugares e xentes xa desaparecidas na súa maior parte, deseñando así parte da cidade de Vigo, sobre todo o dos anos corenta aos sesenta. Hai lugar para aspectos curiosos como a obriga de cambiar a denominación do café-bar, para españolizar as denominacións de locais de carácter comercial, pola provisoria de Imperial que se mantivo durante algún tempo, á par de reflectir multitude de anécdotas e analizar máis detidamente as peñas que se agrupaban no local –como a denominada San Zenón-, pasando polos faladoiros asiduos vinculados co ámbito da cinematografía comon os de  Cesáreo González ou Manuel Mur Oti, ata os mantidos, en diversas épocas e circunstancias, por xornalistas, pintores como Xavier Pousa, Laxeiro, Colmeiro, Mercedes Ruibal ou Abelenda, arquitectos como Gómez Román ou Genaro de la Fuente, xunto cos dos irmáns Álvarez Blázquez, o escultor Camilo Nogueira,  Cunqueiro, Castroviejo, Celso Emilio Ferreiro, Francisco Fernández del Riego, os irmáns Bar Boo ou María do Carmen Kruckenberg, entre moitos outros.

Albino Mallo

No anexo do volume  engádense, ademais, diversos documentos textuais de diferentes autores e algúns testemuños gráficos de gran valor histórico, alén dunhas caricaturas conservadas de Xaime Isla realizadas a seareiros do local e que constitúen todo un achado escasamente coñecido. O traballo de Albino Mallo rescata parte da historia local viguesa afondando, sen dúbida, nun espazo que foi algo máis que un local de hostalaría e que por esa razón afecta tamén a un capítulo da historia de Galicia.

 

Artigo publicado o 11 de novembro de 2010 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia