Marco Berrettoni (texto) e Chiara Carrer (ilustracións)
Xosé Ballesteros (tradución)
Kalandraka, Pontevedra, 2010, 32 páxinas.
A atención á discapacidade e á lectura no ámbito das persoas con necesidades educativas singulares vén sendo unha constante no catálogo da editora pontevedresa. Tras a publicación, en colaboración coa asociación de tratamento do autismo BATA, da colección “Makakiños” onde se adaptaban textos clásicos á linguaxe de pictogramas e as senllas guías de coñecemento co obxectivo de aumentar a autonomía de persoas con autismo, chega agora este volume baixo o título de Fálame da autoría textual a cargo de Marco Berrettoni e ilustracións de Chiara Carrer no que constitúe, ao meu xuízo, un intenso achegamento, desde as instancias da sensibilidade e a clareza, ao que é o autismo destinado inicialmente para primeiros lectores, mais non só.
O libro, publicado tamén en éuscaro, castelán, catalán e italiano, abeirado aos carreiros da sinxeleza expresiva onde prima sempre a comunicación directa co lector, non obvia unha descrición deste concreto transtorno do desenvolvemento. E faino beireando os territorios da poesía, a través do percorrido por ese universo tantas veces inescrutable da pequena Sara, pero no que se perciben doadamente, a través do texto e a ilustración, a soidade, as ausencias e os enlevos da protagonista, mais tamén as necesarias doses de coidado, agarimo, afectos e tenrura que demandan.
Sen dúbida un libro cheo de emoción, un álbum ilustrado que axuda a decatarse de que, ao noso lado, hai outros mundos talvez máis crípticos pero que cómpre coñecer.
Coma sempre a reseña é un acerto.
Graciñas polo convite a reflexionar que existen outros mundos ben perto.
Moitas grazas. Un saúdo.