Ramón Caride
Toxosoutos, Noia, 2010, 208 páxinas.
Chego de novo á prosa de Ramón Caride a través das propostas contidas neste que é o seu último libro até o de agora: unha compilación de artigos e textos de diversa orixe que, baixo o título d´ O gume dos espellos e editada por Toxosoutos, recolle a súa produción xornalística e ensaística que viu a luz en diferentes plataformas publicísticas no últimos anos.
Estes libros de intención compilatoria resultan, ao meu ver, de moita utilidade, tanto para o lector interesado nun autor concreto como para posibilitar que se redescubran e iluminen algúns ángulos, por veces sorprendentes, da produción textual dun escritor que, por teren sido publicados as máis das veces en soportes máis ou menos efémeros, non resultan hoxe de doado acceso.
Neste caso Ramón Caride ofrece unha escolma de textos recuperados dun período que abrangue case de vinte anos (1991-2010) nos que mantivo, como seguirá a manter, unha presenza ininterrompida en xornais, revistas e outros espazos da palabra. Deste xeito, a través de tres bloques diferenciados -“Camiños”, “Cambados” e “Crónicas”- o volume “espella”, e talvez nunca mellor dito, ese percorrido a través da letra escrita que rescata vivencias tiradas da memoria do autor, mais tamén reflexións, opinións e puntos de vista que suscitan desde o encontro coa Galicia estremeña, pasando polas numerosas lecturas feitas nese tempo -sobre todo as de Ramón Cabanillas-, até as suxestións que producen nel lugares como Ourense ou Oseira, sen esquecer tampouco a inclusión dalgúns interesantes textos de creación ou mesmo unha moi reveledora intervención do autor, xunto con Xerardo Méndez, sobre a atención que se lles presta aos escritores galegos no seu propio país.
Parabéns, pois, pois esta publicación que se engade con moita dignidade e acerto á bibliografía do autor e ao alento do xornalismo literario dos últimos anos en Galicia.