Case cen poemas (antoloxía esencial), de José María Millares Sall

Case cen poemas (antoloxía esencial) (ed. bilingüe galego-castelá)

José María Millares Sall (textos) e Antón Lamazares (ilustracións) 

Centro Pen Galicia, Santiago de Compostela, 2010, 280 páxinas.

Hai pouco máis dun ano o poeta canario José María Millares Sall falecía e a súa traxectoria viuse recoñecida postumamente sendo galardoado co Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía pola súa obra Cuadernos (2000-2009). O galardón puxo de novo de actualidade a súa achega poética, sen dúbida unha das máis salientables no panorama da poesía de expresión castelá dos últimos anos, que se remonta á fundación da colección <<Planas de poesía (1948-1951)>>, pasando pola preparación de libros artesanais e polo cultivo dunha escasamente coñecida obra plástica alén, por suposto, da pausada elaboración dunha obra poética singular e intensa que conforma unha abondosa bibliografía entre a que traio aquí unha moi próxima que, ademais,  se pode ler en lingua galega.

Trátase, así pois, dunha edición bilingüe galego-castelá baixo o título de Case cen poemas (antoloxía esencial) editada polo Centro Pen Galicia, cunha selección poética a cargo do poeta canario Jorge  Rodríguez Padrón acompañada de extraordinarias ilustracións de Lamazares e mais un oportuno e documentado limiar do profesor lucense Manuel Fernández Rodríguez, quen tamén se responsabiliza da tradución dos textos ao galego e da súa anotación. Os poemas que encerra este libro, editado hai escasos meses e que  pasou practicamente desapercibido, resultan unha auténtica regalía pola enorme calidade literaria que atesouran -véxase esta autopoética:  “Perdido / no soño / cando ando sempre escoito / que non son quen anda / que o fai o camiño e pérdome / e por iso escribo / e é polo que soño / para así / atopalo”- como pola idoneidade de vertelos á nosa lingua probaba como está a existencia dunha certa “conexión atlántica” do poeta canario co mundo cultural galego; cando menos a través da amizade que mantivo cun autor da nosa tradición como foi Ángel Johán (Ángel Juan González López), o  poeta lucense estudado por Nuria López Presedo ou Claudio R. Fer entre outros, que pasara unha longa estadía nas Canarias, onde tras o estoupido da guerra civil foi encarcerado.

O responsable da edición, nunhas páxinas limiares imprescindibles, refírese  entre outros aspectos importantes que definen a súa estética como son o estilo de marcado aperturismo insular, o saudoso atlantismo ideolóxico e o carácter periférico da súa creación, como se ve só moi serodiamente recoñecido.

José María Millares

A selección poética que aquí se presenta divídese en tres bloques; recollendo composicións ordenadas temporalmente  até 1980 nun primeiro apartado, até o ano 2000 no segundo e desde o 2000 o último, que responden a diferentes momentos creativos do poeta e que así percorren desde algunhas composicións dun  fabuloso poemario como foi, e é, Liverpool, de onde se tiran eses coñecidos versos autobiográficos  “ademais de ser un home coma vós, son un poeta, / e un poeta é un corazón máis sobre a néboa do mundo”, pasando por esoutras composicións de marcada filiación surrealista, que se achegan ás veces ao intimismo e ao existencialismo, construíndo unha estética sempre atenta á problemática social e individual.