Claudio Rodríguez Fer (coordinador)
Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Santiago de Compostela, 2010, 192 páxinas.
Por mor de décimo cabodano de José Ángel Valente a Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por Claudio Rodríguez Fer e que custodia o arquivo e a biblioteca doados polo poeta ourensán, dá a coñecer, entre outras iniciativas, un interesante volume de autoría colectiva titulado Poetas con Valente, que xunta composicións poéticas de seis autores –Luz Pozo, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Tere Blanco de Saracho- que ofrecen ao lector tanto poemas antologados entre a súa produción como inéditos dedicados no seu momento ao autor de Las palabras de la tribu, que el apreciou ou que dalgún xeito establecen unha relación de empatía coa súa vida e obra. Autores, así pois, de moi diferente fasquía, idades e sensibilidades, que ao tempo teñen realizado inclusións ensaísticas sobre a obra de Valente e que conflúen tanto na amizade como na admiración que lle profesaron ao autor de Material memoria en forma de diálogos explícitos ou implícitos co sentido xeral da súa obra ou con algún aspecto particular dela.

Os autores galegos presentes no libro, que ao mesmo tempo ofrecen unha tradución ao castelán dos seus propios poemas, articulan dalgún xeito unha antoloxía particular que aos lectores de poesía de certo lles ha interesar. Unha fabulosa ocasión, en fin, para volvermos os ollos a un poeta universal como foi Valente, para reclamar a súa presenza e a súa vixencia hoxe en día como excepcional poeta, nunha requintada edición, por certo, ilustrada por Sara Lamas.
Deixo aquí uns fragmentos do “Documental sobre José Ángel Valente”, producido por “29 letras” no ano 2007.