Que fai falta?, de Gianni Rodari

Que fai falta?

Gianni Rodari (texto) – Silvia Bonnani (lustracións) 

Xosé Ballesteros (tradución)

Kalandraka, Pontevedra, 2010, 32 páxinas.

Cumpríronse, neste mes de abril pasado, trinta anos do falecemento do xenial escritor italiano Gianni Rodari e, ao meu ver, talvez se deixou pasar unha magnífica ocasión para subliñar a vixencia e pervivencia da súa obra, tanto no que ten que ver coa renovación no ámbito pedagóxico coma no estritamente literario.  Non sei se debido ou non a esta efeméride o caso é que  Kalandraka puxo en circulación un fermoso libro encadernado en cartoné que resulta ben operativo para lembrar a obra do escritor italiano.

Trátase do título Que fai falta?, editado tamén en portugués e castelán, que nesta ocasión chega acompañado dunhas acaídas ilustracións que xunta as técnicas do collage tradicional con outro recursos dixitais contemporáneos debidos ao traballo de Silvia Bonanni cun resultado requintado e moi suxestivo.

Ilustración de Que fai falta?

O texto literario, debedor desa estética que xunta divertimento con didactismo, cun desenvolvemento sinxelo en aparencia e alicerzado no proceso dedutivo, vai gradual e circularmente avanzando en función da presenza e a orixe dun obxecto de carácter cotián, seguindo o criterio da brevidade e rodeado sempre de certo arrecendo lírico. E é aí, nesa función poética onde se cadra descansa tanto o fantástico valor do libro como a explicación de que debería ser lido ou visto máis que descrito, pois o que suxire excede con moito o que realmente conta. Proben. 

Deixo aquí un video, realizado pola RAI hai uns anos,que percorre, brevemente e coido que con acerto, a biografía de Rodari: