Unha tempada no paraíso
Claudio Rodríguez Fer
Toxosoutos, Noia, 2010, 120 páxinas.
No seo dunha nova colección poética, o que resulta unha excelente noticia, que edita Toxosoutos, volve a palabra poética de Claudio Rodríguez Fer nun volume publicado baixo o título de Unha tempada no paraíso. Falamos aquí, así pois, de paraísos literarios, como os que pensaron Breton, Raimbaud ou Baudelaire, mais este fondamente humanístico e vital, introducido con moito tino, pertinencia e asisada interpretación analítica pola tamén poeta Olga Novo. A autora de Nós nús, xa que logo, é quen apunta con ánimo esclarecedor as claves semánticas e simbólicas deste volume establecendo unha intelixente lectura onde, ademais de subliñar os elos desta peza coa obra anterior do autor, destaca que o libro se asenta nun “paraíso antiblíblico conectado cos praceres da carne” e que nace dunha “libertaria arela humanista, acompasada ás aperturas múltiples da posvangarda, abeirada aos límites cognoscitivos”.
O libro, outra vez Olga Novo dixit, amosa enormes doses de vitalismo e compromiso ético, explota o motivo da viaxe, está atento ao vincallo céltico e mais ao que denomina un “nomadismo ancestral”, sen esquecer as abondosas pegadas do atlantismo, o erotismo e mais do celtismo que polos seus versos pululan.
E abofé que así é. Esta obra do poeta lucense transita con teimosía polos vieiros do erotismo facendo gala dunha marcada condensación e esencialismo expresivo, outorgándolle aos poemas unha tonalidade aseverativa e reflexiva moi próxima ás veces ao espírito do haikú; mentres que noutras ocasións o verso revístese dunha modalidade máis narrativa, afondando en espazos e personaxes mitolóxicos e lendarios, ou recalando no compromiso social sen esquecer esa noción omnipresente da viaxe. Particularmente aprecio a sección “Vías Lácteas,” onde o poeta homenaxea algunhas voces coñecidas, inclúe poemas intensamente amorosos e encerra un poema, para min memorable, titulado “Pureza de paria (Karima en autobús)” do que me permito, para concluír, reproducir estes versos que son o seu comezo:

A beleza
é
tan xenerosa
que sempre viaxa
en autobús,
aínda
que ás veces
naza nun oasis
da mestura
de augas doces
coas que a palmeira
fai o dátil
e das areas
coas que o deserto
fabrica,
por exemplo,
unha gacela azul (…).