Iolanda Zúñiga
Xerais, Vigo, 2010, 504 páxinas.
En Periferia Iolanda Zúñiga incorpora discursos literarios, ou non, de moi diversa condición e transloce unha intención de revisión social, crítica e activa, nun pano de fondo como é o das favelas de São Paulo, cidade que é metáfora tamén do propio mundo.
Neste universo, e no medio dunha singular banda sonora constituída polos ritmos das cancións populares, do hip hop, do samba, do rap ou do funk carioca, preséntase unha historia de amor suburbial protagonizada por Brown e Simone, emprazada a carón de multitude de luzadas narrativas,

algunhas estarrecedoras, que escorren nunha atmosfera de alcatrán para deseñar con verosimilitude un mundo escuro, alimentando un artefacto literario no que non hai respiro e que reflexiona sobre o exercicio do poder, sobre as escravitudes e a intolerancia mercé unha voz que quere erguerse contra ese holocausto recorrente.
Na sección de <<Cultura>> de La Voz de Galicia inclúo esta breve recensión como un dos libros máis salientables do ano baixo o título de “Sen respiro”.