Estremas, de Ana Romaní

Estremas

Ana Romaní

Galaxia, Vigo, 2010, 72 páxinas,  10 €

Estremas, emprazado con naturalidade no ronsel das pezas anteriores da autora, érguese como un desafío, como un reto interpretativo para quen o le, o que sen dúbida revela tanto a súa profundidade como a súa capacidade plurisignificativa.

Deste xeito, as “estremas” sitúanos en espazos limítrofes, fronteirizos, periféricos e mesmo arraianos se se quer, desde os que se decide botar unha ollada turbadora a un universo simbólico instalado nas dunas –“nación de sílice que nos move”- que son territorio e corpo, moles oceánicas queimadas polo sol que agochan outras realidades; dunas oscilantes e móbiles porque nada hai inmutábel que non transforme a súa aparencia e a súa esencia. E a transformación vén da man ás veces da sensualidade, da procura e exploración da identidade feminina e mais da reflexión sobre o concepto da outredade, constituíndo así focos de interese en absoluto menores. E nada mellor que testemuñar esa evolución amentada que acudir ao chamado Uadi Al Hitan, o demominado “val das baleas” en Exipto, onde se conservan restos fósiles das baleas que espellan o feito da súa evolución  de animais terrestres a acuáticos. A idea, así pois, da transformación, do proceso evolutivo e do cambio, relativo ao territorio mais tamén ao corpo,  non podía estar mellor escollido.

Paira así, en todos e cada un destes poemas rotundos que conformas Estremas, unha voz aceda, acaroada ao espírito reivindicativo e ao clamor, que non agocha nin a expresión da furia, dor, carraxe ou  coraxe que nos conduce aos eidos do desacougo, convertido ás veces en vontade de rebelión.

Ana Romaní

Se a estética de Romaní presenta os trazos dunha diáfana  tensión semántica, expresada de xeito revelador tamén nos silencios e na contención expresiva que se sustenta con eficiencia, non quero esquecer esoutra liña tensional que afecta á linguaxe: dilatando, estricando, outra vez “dinamitando”  a  palabra  para conferirlle unha  dimensión clave e resultar operativa para construír un poemario no que o hipertexto o cruza de norte a sur, de leste a oeste, nunha dialéctica que entronca coa obra anterior da autora mais tamén con outras voces líricas de todos os tempos.

A duna ou dunas,  en fin, e as súas estremas eríxense como ese espazo que permite o tránsito e a alegoría polas dimensións do territorio-corpo-palabra para chegarmos, logo desa viaxe e desa procura, a unha conclusión de certo renovadora e salvífica na que a voz lírica confesa que “son xa unha nova estación”, sen dúbida un novo, e firme, paso nunha das voces poéticas contemporáneas máis sólidas e interesantes.

Deixo aquí un breve  vídeo sobre Uadi Al Hitan: