Voces da Groba, voces de Berlín, de Fran Alonso e Jorge Barbi

Voces da Groba, voces de Berlín

Fran Alonso (texto) e Jorge Barbi (serigrafía)

Edicións Aguatinta, Vigo, 2010,  s/p

 

Edicións Augatinta, dirixida por Román Pereiro Alonso, vén engadir a finais de 2010 outra pequena alfaia  ao catálogo de edicións singulares que xuntan primorosamente textos literarios con interpretacións ou intervencións artísticas constituíndo unha serie na que xa deixaron mostras dese poderoso xuntoiro das dúas artes escritores e artistas pictóricos como Rivas e Din Matamoro, Reixa e Patiño, Kruckenberg e Moldes, Víctor e Xosé Freixanes, Luísa Castro e Leiro, Oroza e Lamazares ou Ferrín e Silverio Rivas entre outros moitos.

Fran Alonso

Nesta ocasión correspóndelle a quenda a Fran Alonso e Jorge Barbi. Do traballo deste último artista só cómpre dicir que a serigrafía que incorpora, cun fondo cartográfico que xunta a Serra da Groba e terras alemás, con imaxes de cuadrúpedes superpostas a aquel, abre suxestiva e artisticamente a porta á temática do relato do escritor vigués, que recrea con sensibilidade unha sorte de confesión dun personaxe do barrio de Mitte berlinés que, dun xeito casual, arriba ás costas da serra de Groba nun momento delicado da súa vida e como a impronta deste espazo, das súas xentes e das vivencias que aquí ten determinan unha mudanza radical na súa vida.  A proposta de  Alonso, que non abandona ese hipertexto que domina a totalidade da súa produción, condúcenos ao tempo pola crónica particular da biografía do personaxe que enfila o relato, mais tamén pola presenza dos cabalos da serra como símbolo de liberdade -na realidade aí se revela o asunto central da proposta literaria, relato longo ou “nouvelle” se se quer-, polos petróglifos do lugar, por unha reflexión sobre os perigos que ameazan este espazo ou polo seu  adn representado na toponimia inmemorial que agroma na palabra dun personaxe de ficción recoñecible.

Jorge Barbi

Interpretación artística de mans dadas coa palabra literaria nun feliz encontro que testemuña os excelentes resultados que case sempre ofrecen estes proxectos.