Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Ese Balbino que somos todos

Hai algún tempo, nun traballo crítico, valoraba as Memorias dun neno labrego de Neira Vilas como un exercicio de ficción abeirado aos eidos do testemuñal e do antropolóxico. Hoxe entendo que o pouso dunha lectura feita moi cedo -conservo unha edición de fins dos setenta con fermosa cuberta de Seoane- xerase aquela aséptica e limitada sentenza pois talvez o abordei nun contorno oceanicamente afastado ao que o libro espellaba, desenvolvendo asemade unha trama que en parte me fuxía…, malia iso lembro que se me formularon incógnitas que crin nunca resolvería.

Xosé Neira Vilas

   E as incógnitas, aos poucos, foron desvelándose pois revisei o título noutra época, con outra bagaxe e, malia o tópico, con outra experiencia lectora e vital. Todo iso orixinou que un entendese cabalmente a importancia dun título clave para moitas xeracións e, quen o dubida, para o noso sistema literario, xa que o libro pervive e sobarda con moito aquelas primeiras apreciacións persoais. A súa reedición e proxectos teatrais como o de Cándido Pazó poden facer moito para aprecialo como un tesouro literario de noso que trata dun ninguén, ese Balbino que somos todos e que, ademais, explora as aristas da loita polo orgullo de sermos nós.

Por mor do cincuenta aniversario da publicación na Arxentina de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas onte publicouse este artigo nas páxinas de Cultura, xaneiro de 2011, La Voz de Galicia.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 7 Xaneiro 2011 por en Opinión.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: