Futuro imperfecto, de Xulia Alonso

Futuro imperfecto

Xulia Alonso

Galaxia, Vigo, 2010, 248 páxs., 15 €

Outra das sorpresas da tempada literaria que acabou hai uns días é, sen dúbida, este Futuro imperfecto, que chegou da man dunha autora, Xulia Alonso, da que nada se sabía nesta nosa república das letras e que, por tanto, converte esta proposta na súa carta de presentación. Unha primeira incursión no ámbito da narrativa galega, así pois, que non teño ningún reparo en adxectivar como afortunada, pois non é difícil advertir que Xulia Alonso entendía como necesidade vital darlle forma a unha historia experimentada e propia, tenra e cruel a un tempo, dotala de perdurabilidade deixando un testemuño escrito da súa propia man. Ao tempo, cómpre tamén deixalo apuntado, soubo tocar as teclas precisas para facelo dun xeito fluído, intenso e case diría que exemplar.

Velaí como este volume permite que nos mergullemos, sen moralismos ningúns, nunha historia co-protagonizada pola autora e o seu compañeiro, falecido a unha idade moi temperá polas secuelas da súa adicción ás drogas e a manifestación posterior do VIH.

Neste rodopío narrativo deposítase especial atención ao proceso das realidades hospitalarias, ás consecuencias terribles e esgazadoras da doenza que enchoupa moitas das súas páxinas, mais tamén non son menos relevantes as presenzas positivas do amor, da amizade, da filla compartida…, fírgoas de esperanza que latexan por todo o libro, por veces suturadas con descricións de lugares e espazos que talvez posúan un menor atractivo para o lector pero son necesarios porque o libro non enmascara nada e a tensión cómpre dosificala e suspendela cando é preciso.

 E todo isto preséntase cun artellamento técnico que pon as cartas sobre a mesa desde o primeiro momento de xeito que se van mesturando pasaxes que exhiben a súa filiación ao xénero epistolar, dirixidas, nunha inequívoca clave paixonal, a unha segunda persoa que xa non está fisicamente, xunto con outros fragmentos de carácter máis autobiográfico, memorialístico e mesmo reflexivo nunha sorte de catarse que sobarda as fronteiras do individual e que se proxecta para o colectivo porque así se sente o relato sobre a desinformación, sobre as sospeitas e o medo cando o cotián se ve amezado polo descoñecido, arredor da presenza galgante da morte…

Xulia Alonso

Particularmente Pretérito imperfecto, escrito en setembro de 2005, lembroume unha proposta que –malia escribirse posteriormente a este- xa foi éxito de vendas e crítica en Finlandia: o libro titulouse Viikkoja, kuukausia (Semanas, meses) e os seus autores foron Tina e Reko Lundán. Nel recréase literariamente a manifestación, evolución e consecuencias psíquicas e físicas dunha doenza terminal do escritor e xornalista Reko Lundán e que se editará en galego e castelán este mesmo ano. A obra de Xulia Alonso, situada, a cabalo entre a memoria autobiográfica e a crónica como aquel, merecía entre nós unha sorte semellante, por tanto que se aprende nel, pola súa sinceridade, pola transparencia e elegancia que se deposita no estilo, por esquivar falsos pudores e polo exemplo de superación e sobrevivencia que as súas páxinas conteñen. Oxalá sexa así.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o oito de xaneiro de 2011.