Lois Pereiro. Radiografía do abismo
Antón Patiño
Espiral Maior, Culleredo, 2010, 200 páxs., 14 €
Que Antón Patiño (Monforte, 1957), alén da súa notoria e recoñecida traxectoria internacional como artista plástico, é un teórico e ensaísta de altura resulta incontestable. Por se non abondase con anteriores entregas do autor –lémbrense os seus traballos sobre Novoneyra, Reimundo Patiño ou Lugrís- céntrase agora en levantar acta da biografía e a obra de Lois Pereiro, de quen foi amigo e mais compañeiro en tarefas creativas xeracionais, conseguindo que o lector saia da súa lectura convencido, se non o estaba, dos valores permanentes da estética tan singular pola que transitou o poeta monfortino.
O enfoque deste traballo interpretativo, ben pouco convencional, presenta unha filiación claramente transversal e agroma desde un espírito de devoción nada oculta pero ao tempo contida, mesmo nos capítulos nos que se recuperan instantáneas emocionais na que se conxura “o naufraxio das emocións”, manexando unha documentación realmente enciclopédica que se constitúe por entrevistas, fragmentos de conversas persoais e outras realizadas ad hoc, abondosas intepretacións literarias e comentarios de diversa autoría rexistrados en prensa ou en blogs… Alén disto é evidente que a análise se beneficia do tratamento directo que Patiño mantivo co autor mais tamén da lectura profunda dunha obra literaria respecto da que se amosa como profundo coñecedor.
Paira, así pois, neste volume unha visión na que o propósito de explicar a obra dun poeta supón reexplicar un tempo e mesmo unha xeración. A estrutura do ensaio preséntase como unha acumulación de reflexións de corte fragmentario, distribuídas en caótica aparencia mais respondendo a unha intención explícita nas páxinas limiares do ensaio: chegar a Pereiro desde a imaxe dunha porta xiratoria que, no seu movemento, alén de “reflectir varios rostros”, case sempre adquire unha pulsión de vertixe indagatoria para desvelar ás claves dun autor. A porta xiratoria é, ao mesmo tempo e simbolicamente, un espello da propia literatura “onde cada lámina de vidros amosa unha perspectiva diferente”.

Patiño intérnanos nun territorio moi suxestivo como é o da interpretación da obra que Pereiro que nos legou e faino dun xeito pouco común como se advirte tanto polo emprego duns recursos expresivos que se abeiran á expresión concisa e rotunda, en ocasións case telegráfica, como polo uso dunha bagaxe analítica que vai máis alá do impresivo, establecendo un discurso dialéctico no medio dun xogo de espellos posible con reflexións que se desprenden ao fío de lecturas de pensadores e escritores como Walter Benjamin, Bachelard, Bataille, Baudelaire, Bergson, María Zambrano e tantos outros, realzando así a notoriedade que supón a obra do autor de Poesía última de amor e enfermidade. Esta é a razón que sustenta que o ensaio vaia mesmo máis alá da interpretación da obra dun autor, construíndose como unha ricaz reflexión sobre a poesía, e Pereiro; a música, e Pereiro; a filosofía, e Pereiro; o cine, e Pereiro; a fotografía, e Pereiro…, sobre as súas influencias, as débedas, as empatías…
Fica ben clara, abofé, a dimensión da melancolía atlántica na obra do autor, ben subliñado o uso do simbolismo cos ecos da preocupación libertaria e da estética punk, que serven para obter esa irrepetible “aleación poética de furia de señardade”; queda remarcado o carácter oracular da escrita-palimpsesto de Pereiro ou o fascinio que sentiu polo substrato cultural centroeuropeo, entre outras tantas reflexións que erixen unha auténtica cartografía de Pereiro e da súa obra. Unha primeira revisión sobre a que xa é insoslaiable apoiarse para camiñar por este universo Pereiro cun inequívoco e envexable rigor analítico.
Baixo o título de <<Unha monografía exemplar>> publicouse este texto nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 15 de xaneiro de 2011.
1 Comment
Os comentarios están pechados.