Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Guía secreta da gastronomía de Galicia: Ourense, por Martín Álvarez

Guía secreta da gastronomía de Galicia: Ourense

Martín Álvarez

Alvarellos Editora, Compostela, 2010, 138 páxs., 16 €

Os libros que atenden aos valores da gastronomía galega, quer para descubrilos quer para redescubrilos, constitúen un capítulo á parte e ben relevante dentro do ensaio de carácter divulgativo. Nese ronsel que conta con egrexios precedentes como Picadillo ou Cunqueiro, que se pon ao día coas exitosas propostas de Benigno Campos e que se recrea literariamente entre nós por autores como Xabier Baixeras, engádese, con pleno merecemento, este traballo que chega da man de Martín Álvarez, chef e profesor de cociña, que xa fora gañador de dous premios Gourmand en 2006 polo seu famoso libro 45 recetas con ortigas e autor, asemade, de Estrugas (2006) e mais de O barquilleiro d´olvido (2009).

Esta recente “guía secreta”, así pois, articúlase como a primeira dunha serie que, baixo o epígrafe de “A lume lento”, recalará en diversos territorios galegos co obxectivo de rescatar e poñer o día os elementos gastronómicos de maior interese.  A presente entrega, dedicada a Ourense, alén de incorporar unha abondosa información que bebe en fontes diversas, percorre todo aquilo que amosan feiras, festas, romarías ou mercados para logo darlle forma e expor, con indubidable acerto, esas tradicións gastronómicas máis salientables, esas receitas ou usos culinarios particulares e singulares que constitúen un elemento non pouco importante da nosa propia idiosincrasia.

Martín Álvarez

Se a intención confesada do autor era a de espertar o aprecio pola nosa cociña teño para min que o obxectivo se cumpriu con creces e, aínda máis, quen se achegue ao volume descubrirá auténticas alfaias gastronómicas como a cociña que se prepara con flores silvestres  ou mesmo as virtudes ocultas nas chamadas “malas herbas”; sen por iso esquecer a articuación dunha auténtica viaxe polo que dá de si a produción e preparación das carnes gandeiras e avícolas, os peixes, os produtos da horta, os licores, o pan, as castañas e froitos secos ou a inevitable repostería para a sobremesa. Un libro, en definitiva, para gozar cos ollos pois é magnífico o traballo de edición, mais tamén cos sentidos e, especialmente, co padal.

 

Baixo o título de “Segredos de cociña” publicouse un versión moi abreviada desta reseña no suplemento <<Culturas>> de La Voz de Galicia o 31 de xullo de 2010. Arriba reproduzo o texto íntegro por mor da concesión a este libro do premio Gourmand na categoría de “mellor guía de viaxe gastronómica”. O seu autor consegue un premio Gourmand por terceira vez, de xeito que parabéns a el e ao seu editor Henrique Alvarellos. Aquí pódese ler un dos capítulos máis gorentosos da obra.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 21 Xaneiro 2011 por en Gastronomía.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: