Os fíos, de Xurxo Sierra

Os fíos

Xurxo Sierra

Galaxia, Vigo, 2010, 180 páxs., 16 €

Concordaba cun amigo meu esta mesma semana, nun faladoiro arredor deste último libro de Xurxo Sierra,  que talvez nun sistema literario galego conformado por unha masa de lectores de base máis ampla as pezas narrativas deste autor, nado accidentalmente en Caracas pero con raíces profundas en Silvaescura (Ramirás), crearían unha indubidable expectación  pois ao longo da súa traxectoria vén defendendo como marca autorial un orixinal tratamento outorgado aos argumentos recreados, a adecuación tanto dos ritmos narrativos como das técnicas empregadas, sempre supeditadas a  manter acesa a chama da atención do lector, ou o inequívoco coidado expresivo das súas propostas…

Todo por xunto determinaría que un libro novo de Sierra debería converterse especialmente, e sigo facendo conxecturas, nunha proposta devecida por un público de amplo espectro, sen que por isto se rebaixe un chisco a calidade das súas pezas narrativas, donas de meritorios valores literarios. Con certeza, este desideratum é, hoxe por hoxe, unha quimera, mais cumpría deixalo aquí consignado pois nunca se sabe, nestes eidos da literatura, o que pode ou non pode ocorrer.

Os fíos, así pois, situada no ronsel da súa anterior novela titulada Os nomes do traidor (Xerais, 2008, e traducida ao castelán por Faktoría K de Libros este mesmo ano pasado), convídanos desde o seu inicio, e explicitamente, a establecer unha estratexia lectora que pode abordar cada un dos tres bloques narrativos na orde que se desexe.

Xurxo Sierra

Quen isto escribe elixiu a canónica, se se quere a cronolóxica, e, ao concluíla, tamén advertiu que calquera das suxeridas polo autor serían rendibles e satisfactorias; e sono porque a estrutura d´Os fíos concíbese como unha espiral na que un se pode incorporar en calquera dos tres traxectos que a constitúen, todos eles contando con abondosas calellas digresivas emprazadas aquí e acolá que conceden frescura e fan repousar a tensión narrativa, mais que non se afastan da exposición dun verdadeiro labirinto de consecuencias derivadas dun imposible, entendidas por veces como algo lóxico e razoable, pero noutras ocasións marcadas pola presenza do azar e do absurdo asumindo como inevitable de algo que, na realidade, nunca puido ocorrer.

Con estes “fíos” procúrase un efecto distanciador ou desconcertante respecto da trama, e isto articúlase concentrándose na carga irónica, adobiada ás veces con tintes abertamente humorísticos ou mesmo tráxicos.

Deste xeito constrúese un tapiz no que os personaxes distan de resultar miméticos: ben ao contrario individualízanse acaidamente, operándose a través deles, ou cando cómpre a través dos espazos ou atmosferas que se describen, un exercicio de esculca dos detalles que amosa unha clara filiación psicolóxica e onde as contradiccións da condición humana, a traizón, a falsa moral, o absurdo e o azar referidos liñas arriba gobernan os comportamentos dos personaxes en tantas ocasións inexplicables, pero que resultan no fondo posibles, case diría que recoñecibles, e por suposto tan poliédricos como o poden ser na vida cotiá.

 

Publicado baixo o título de “O absurdo azar que transforma as vidas” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 22 de xaneiro de 2011.