A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira

A ciencia no punto de mira

Jorge Mira

Auga Editora, Compostela, 2010, 200 páxs., 16 €

 

Aparecido hai só uns meses, neste tempo no que as novidades pasan a fume de carozo nos andeis das librarías ou nas ligazóns das webs que comercializan os nosos libros, este é un volume que nin perde a súa actualidade nin tampouco debería pasar desapercibido como penso que, afortunadamente, non está a ocorrer.

Particularmente, valoro como altamente interesante esta achega ensaística de corte divulgativo que nos chega da man de Jorge Mira, doutor en Física, profesor na Universidade de Santiago e ben coñecido pola súa faceta como presentador da TVG. A intención desmitificadora respecto de asuntos de xorne científico, tratados desde unha óptica ampla para xente de a pé, domina un volume no que a linguaxe, sinxela e clara, contribúe en non escasa medida a facer deste volume un recurso accesible e atractivo xa non só para quen amose algún tipo de inquedanza polo saber científico senón tamén para profanos no asunto. Adultos e adolescentes que, malia non térense interrogado previamente, ou talvez si, arredor de algún dos máis de sesenta enigmas aquí propostos e que van desde as causas que producen os cambios de ánimo nas persoas, pasando por cuestións vinculadas co sexo  ata os mecanismos de funcionamento do botafumeiro, atoparán, de certo, cumpridas respostas e, sempre, argumentadas cientificamente.

Jorge Mira

 

Abofé que facilitarlles aos lectores o acceso ao universo científico e divulgalo de maneira que o fai o seu autor, onde non falta a ironía e en ocasións o humor, constitúe un enorme mérito do que cómpre deixar constancia porque, evidentemente, a ciencia non é aburrida e, ben ao contrario, pode ser tamén divertida.