Top 10- narrativa galega 2010

Nesta última entrega de Biblos dou a coñecer, na habitual sección “breviario”, unha breve listaxe do que considerei como máis salientable no eido da narrativa galega deste ano pasado. Con certeza faltan títulos, e mesmo algúns que foron moi do meu agrado, mais todos non poden estar. Velaquí o artigo:

Os comezos dun novo ano son datas propicias para o balance. Neste caso cumpriría o da década, mais neste espazo atrévome só cunha revisión anual e de xeito moi conciso. Un top 10 de carácter moi persoal, sen orde de prioridade e exposto aínda a risco de non poder incluír todo o que realmente me gustou do estritamente editado en narrativa no pasado 2010, acompañado tan só cun par de frases argumentativas.

  1.  Periferia, de Iolanda Zúñiga. Premio Xerais 2010. Poderoso mergullo, heterodoxo e escasamente convencional, no universo das favelas paulistas, metáfora do propio mundo.
  2. O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro. Premio Lazarillo 2009. Unha documentada, intensa e moi solvente novela sobre os últimos pasos de Vicent Van Gogh.
  3.  O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro. O retorno á Venecia das viaxes e descubertas asombrosas da man dun personaxe histórico revisitado con acerto.
  4. Todo é silencio, de Manuel Rivas. Novela-metáfora de intensas resonancias onde o narcotráfico é só un apoio para afondar nas tiranías exercidas desde o poder.
  5. Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras. Novo detective, atractivo argumento e outro éxito deste habilidoso e efectivo autor de novela negra.
  6. Obediencia, de Antón Lopo. Premio García Barros 2010. “Algo máis na ficción científica”, así titulei unha crítica e coido que aí se concentra a vontade renovadora e orixinal do autor.
  7. Futuro imperfecto, de Xulia Alonso. Unha das sorpresas da tempada: un percorrido autobiográfico conmovedor polas estremas da vida e da morte.
  8. Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes. O retorno devecido dun narrador que non defraudou, mesmo superando esixentes expectativas.
  9. O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre. Unha proposta narrativa suturada con moito enxeño, exhibindo un amplo abano de recursos para afondar nas incógnitas da propia condición humana.
  10. Un último destino, de Xosé C. Caneiro. O retorno ao espazo da vella Dalmara, poboada singularmente por eses personaxes melancólicos nun coidado exercicio de estilo.