Daba noticia nun anterior post dunha serie de libros que Toxosoutos puxo en circulación hai uns poucos días. Aos alí sinalados cómpre engadir tres volumes máis, cada un deles de diferente xénero.
En primeiro lugar, no ámbito do teatro, cun documentado estudo previo de Antonio Rey Somoza, recupérase un texto, en edición anotada, de Xesús San Luís Romero, concretamente Foliada no rueiro, subtitulada como “paso cómico”. Un paso adiante, pois, na popularización deste autor de Carballo, sobre todo coñecido pola súa peza teatral O fidalgo (1918) e de quen hai algúns anos a libraría e editora compostelá Follas Novas editara un par de interesantes volumes que recuperaban obra inédita e pouco coñecida.
Ao tempo publícase un poemario de título complexo, Abstractonautas, que subscribe Luís Santiago Vilanova Piñeiro, no que penso que é a súa primeira achega poética publicada até o de agora e na que ofrece unha singular viaxe poética, de corte persoal e condición heterodoxa.
Por último é David González Couso quen dá a coñecer, con limiar de Claudio Rodríguez Fer, o volume O fío da escritura subtitulado “A pegada cultural dos Gaite en Galicia” e que vén sendo o resultado da esculca demorada do investigador no campo da actividade cultural levada a cabo pola estirpe dos Gaite en Galicia ao longo do século XIX, acrecentando algunhas edicións facsímiles que así a testemuñan. Ocupareime deste volume nunha próxima anotación.