Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel

Malas cartas

Manuel Pereira Valcárcel

Biblos, col. Mandaio, 96 páxs., 14 €

 

Como curiosa coincidencia cómpre adxectivar o feito de que, nun breve prazo de tempo, cadren no andel das novidades narrativas en galego dúas pezas que afondan nunha época moi concreta da nosa historia contemporánea como é a do período da posguerra e, ademais, asumen desde o seu título elementos conceptuais parellos  desde os que nos convidan para ler senllas propostas. Penso, loxicamente,  tanto no Cabalo de ouros de Víctor Freixanes, comentada no seu día nestas mesmas páxinas como na presente Malas cartas, publicada por Biblos na súa colección Mandaio e que subscribe Manuel Pereira Valcárcel.

Pereira (Ouzande, A Estrada, 1955), particularmente talvez máis coñecido pola intensa actividade publicística e cultural  desenvolta en Madrid desde hai anos, dispón xa dun longo percorrido no ámbito da creación en lingua galega como demostran os seus exercicios ensaísticos, os seus libros poéticos  –ámbito no que deu a coñecer un total de cinco volumes- e as súas incursións no terreo narrativo onde, alén dun  heteroxéneo libro publicado baixo o título de Traxectos curtos (3C3, 2005), deu tamén a coñecer a novela Días do final (Galaxia, 2007). Acrecenta agora, así pois, a súa bibliografía con este breve mais intenso Malas cartas, no que en primeira instancia sobresae a presenza dun narrador abeirado conscientemente ao esencialismo, á expresión fluída, concisa e directa, afastado á mantenta de posibles barroquismos e dosificando no seu discurso, cando cumpre e con bo tino, tanto o diálogo de filiación realista como a descrición milimetrada e de gran capacidade evocadora de espazos e atmosferas. E todas estas virtudes espéllanse nun argumento solidamente documentado que nos introduce nunha estarrecedora historia –ao que parece con raigames reais mais ao tempo cabalmente literaturizadas- cifrada no desmedido abuso de poder que sofre o protagonista, ao imputárselle un crime que nunca puido cometer. Neste sentido, o contexto resulta determinante pois aínda os rescaldos da guerra non esmoreceran  e predominan  as máis perentorias necesidades de sobrevivencia. Dito isto, que non supón desvelar en nada o argumento da proposta, a intriga avanza en planos paralelos da man dos propios personaxes sometidos a moi distintas presións e conformando unha rede de filias e fobias que permiten coñecer, e xulgar, eses territorios e esas xentes que acompañan a vida do inculpado.

Unha vida que, como se dixo, sofre a violencia indiscriminada da man das únicas forzas vivas que podían exercela; asunto que se erixe como central desta novela, espellando con acerto, sinxeleza e plasticidade a atmosfera social e política da posguerra na que esta se produce. Unha reflexión, así pois, sobre o exercicio do poder para o que se reconstrúe parte dunha memoria local que ten tamén, sen dúbida, saibo universal.

 

 

Recensión publicada no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia,  o 5 de febreiro de 2011 baixo o título de “Memoria local e saibo universal”.

2 Comments

  1. Estimado Ramón:

    Moitas grazas por este comentario sobre a miña obra. Dis dela cousas moi gratas, porque forman parte do que eu pretendín e que alguén as perciba gústame moito. Sobre todo ese saibo universal.
    Unha curiosidade: esta fin de semana eu rematei de ler o teu libro laborios libro de conversas con Celso Emilio. Lino con evidente atraso, pero xa sabes ti que o tempo se estreita máis do que quixeramos.

    A miña gratitude e unha aperta,

    Manuel Pereira Valcárcel

Os comentarios están pechados.