Comeza o novo ano Edicións Xerais de Galicia cun mangado de novidades en diversas coleccións das que cumprirá ir dando conta máis polo miúdo de aquí en diante.
Neste sentido destacan, ao meu ver, senllas incorporacións ao sistema literario galego que simbolizan apostas por novas voces como son as de Yashmina Shawaki, que subscribe a novela Fundación Libélula, ao que parece unha vigorosa proposta de fondo reivindicativo que evidencia as difultades dun grupo de mulleres en contextos adversos e mais Cara B, de Ignacio Silva, un libro composto por tres novelas curtas galardoadas previamente en diversos certames literarios.
Por outro lado, a colección “Fóra de xogo” ve o seu catálogo aumentado cunha peza teatral titulada Marta ante o espello, de Teresa Calo Fontán, en tradución de Pilar Sampedro e Maruxa Caamaño. A autora donostiarra, filla de emigrantes galegos, posúe un importante currículo no ámbito da dramaturxia como actriz e autora teatral, sendo esta a súa estrea no ámbito da literatura xuvenil. Ao tempo, a mesma serie acolle a terceira entrega de Poderosa, do hai pouco falecido Sérgio Klein, en tradución de Mercedes Pacheco: de novo un diario que protagoniza unha rapaza que “tiña o mundo na man”.
Para finalizar, alén de dúas reedicións de senllos clásicos na histórica colección “Xabaril” como son A chamada da selva, de Jack London, e mais A pantasma de Canterville e outros contos, de Oscar Wilde, que chegaron no seu día ao galego da man de Gonzalo Navaza e Gustavo Luca de Tena respectivamente, a editora viguesa aposta por títulos para os primeiros lectores con tres autores de longa traxectoria como son Antonio García Teijeiro, Xoán Babarro e mais Gloria Sánchez, quen por certo será proximamente homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil pontevedrés que xa está a celebrarse.
1 Comment
Os comentarios están pechados.